GalizaID: o sistema galego de identificación dixital
mércores, 15 de outubro do 2008
- O equipo de GalizaID ao completo
A comunidade internauta galega vai ter ao seu alcance unha nova solución para poñer un pouco de orde no uso cotián de servizos en liña. Concretamente, no proceso cada vez máis habitual de acceder a moitos deles dunha soa tacada, tarefa en moitas ocasións perturbada porque o propio internauta, mentres non se demostre o contrario, é humano e esquece con facilidade as claves coas que peta nestas portas. Falamos de Galiza ID, unha web dende a que poderemos tirar partido do OpenID, ferramenta que nos axuda a lembrar nomes de usuarios e contrasinais nos servizos que empregamos decote e que agora temos un pouquiño máis preto. O funcionamento é o seguinte: cun identificador achegado pola dita web, poderemos entrar nos recursos en liña compatibles con OpenID e sen ter que crear un novo usuario.
- GalizaID permite facer un seguimento da actividade en liña dos seus usuarios en distintos servizos web
Por certo que o sistema é válido para sitios como Blogaliza, Lareta ou o mesmo Chuza!, o servizo colectivos de novas que, precisamente, está a referenciar estes días a nova ferramenta.
Máis polo miúdo, dicir que OpenID é un sistema de identificación dixital descentralizado co que un usuario pode autentificarse nunha páxina web a través dunha URL, amais de estar en disposición de ser verificado logo por calquera servidor que soporte o protocolo. Polo que respecta á seguridade e á privacidade, os responsables de Galiza ID sinalan que non hai risco de que se poida operar, fóra do noso ámbito e control, só co noso enderezo: “Para usar calquera servizo compatible con OpenID non só fai falla o teu enderezo, senón que previamente deberás estar identificado co teu nome de usuario e o teu contrasinal en GalizaID”.