Galvintec debulla as posibilidades de Moodular no Ecommerceday celebrado en Pontevedra

xoves, 19 de setembro do 2024 S. P.

Galvintec, firma TIC do Grupo Alvariño, presentou a súa plataforma 4.0 para a xestión integral do comercio online no marco do evento Ecommerceday, que se celebrou este xoves 19 de setembro en Pontevedra. Trátase de Moodular, unha solución dixital de 360 graos que integra a xestión de todos os procesos que implica a venda en liña, desde o manexo de inventarios, á sincronización cos principais marketplaces pasando pola optimización da loxística. Segundo explicou Galvintec, “a mellora de todas as áreas de xestión que consegue Moodular é clave para optimizar a conversión en vendas na canle dixital”.
Así o explicou Moisés Mateo, director de Operacións (COO) de Galvintec, firma TIC galega do Grupo Alvariño, no marco do evento Ecommerceday, organizado pola Agrupación Industrial do E-Commerce Galego e Marketing4eCommerce, que reuniu este xoves 19 en Pontevedra ás principais empresas e expertos do sector a nivel nacional.
Nunha mesa redonda na que se analizaron as ferramentas para a conversión cara ao ecommerce, Mateo presentou Moodular, a plataforma 4.0 desenvolvida por Galvintec-Grupo Alvariño que permite xestionar de maneira integral todos estes procesos, “proporcionando unha solución única e sinxela a todas estas necesidades das pemes no seu salto ao mercado online”, sinalou, engadindo que “Moodular é unha plataforma baseada na nube que inclúe solucións ecommerce nativas, módulos específicos para a sincronización cos puntos de venda en liña e unha solución de Software de Xestión de Almacéns (SGA) de última xeración para a optimización da loxística”. Segundo dixo, “ao proporcionar solucións de ecommerce nativas e nunha soa plataforma, con Moodular as pequenas e medianas empresas poden evitar a necesidade de adquirir e configurar solucións de terceiros, aforrando tempo e reducindo o custe da xestión da súa canle dixital, e permitindo ademais personalizar estas solucións á medida da empresa”.
Con Moodular, sinalou, “desde unha única plataforma as empresas poden comercializar en múltiples canles (web propia ou marketplaces), chegando a un público máis amplo e aumentando así a visibilidade dos seus produtos e as súas posibilidades de venda”.
Desde esta ferramenta, apuntou, “tamén poden acceder a toda a información en tempo real, como o estado dos pedidos, as métricas de vendas e a xestión do inventario, todo iso coa máxima facilidade de uso, cuestións que axilizan a aprendizaxe do seu manexo por parte do equipo e fai que o proceso de vendas incremente a súa eficiencia”.
Mateo explicou tamén que “as empresas que venden en liña a través de varias canles, como o seu propio sitio web, Amazon, eBay, entre outros, enfróntanse a unha serie de desafíos que deben ser xestionados de maneira eficiente para garantir o éxito do seu negocio”. Segundo detallou, o primeiro destes retos pasa “pola boa xestión do inventario”, que debe controlarse de maneira eficiente para asegurarse de que os produtos estean dispoñíbeis para a súa venda e evitar quedarse sen existencias. Así mesmo, sinalou, “a venda online require manter un inventario actualizado en todas as canles de venda e ter unha visión global do mesmo”.
O segundo punto clave é “a sincronización cos marketplaces”. Comentou que neste eido de acción, as empresas deben sincronizar o seu inventario, prezos e descricións de produtos cos espazos de venda para asegurarse de que a información sexa coherente e actualizada. Ademais, deben xestionar os pedidos e pagos en tempo real para evitar erros e atrasos que demoren ou poidan frustrar a venda.
E o terceiro eixo para o bo funcionamento da canle online é “a optimización da loxística”.