Gemini espallarase por todo o ecosistema de dispositivos Android

martes, 13 de maio do 2025 Marcus Fernández

Google dá un paso máis cara ao futuro da intelixencia artificial coa integración de Gemini en todo o ecosistema Android. Anunciado como unha reinvención completa do sistema operativo, Gemini convértese no novo asistente central e personalizado, xa dispoñible sen subscrición avanzada en millóns de dispositivos Android.
A compañía comezou polos smartphones, onde agora con só premer un botón é posible acceder a Gemini Live, que permite compartir pantalla e activar a cámara para tarefas intelixentes en tempo real. Pero as funcionalidades da IA non se quedan nos teléfonos: nos vinceiros meses chegarán a reloxos, coches, televisores, lentes e mesmo auriculares.

Gemini nos reloxos con Wear OS

Nun futuro próximo, os reloxos conectados con Wear OS recibirán integración directa con Gemini. Isto permitirá, por exemplo, crear recordatorios con comandos de voz naturais, consultar mensaxes ou obter recomendacións sen ter que sacar o móbil do peto. A idea é facilitar a interacción en situacións nas que o teléfono non é accesible, como cociñando, facendo deporte ou durante reunións.

Condución intelixente e sen distraccións

En vehículos con Android Auto ou con Google integrado, Gemini facilitará interaccións por voz máis naturais e con maior comprensión contextual. Ademais de atopar rutas ou estacións de carga próximas, poderá resumir mensaxes entrantes, traducir respostas e mesmo ofrecer novas personalizadas ou resumos de libros durante o traxecto.
Google promete que Gemini Live actuará como copiloto dixital, ideal para quen pasa moitas horas na estrada e precisa asistencia sen distraccións visuais.

Un asistente tamén no televisor

Gemini tamén chegará a Google TV a finais deste ano. A IA poderá recomendar películas axeitadas para nenos, responder preguntas educativas e mostrar vídeos de YouTube explicativos, converténdose nun asistente familiar tanto para o lecer como para a aprendizaxe na casa.

Realidade estendida e lentes con Android XR

Nunha alianza con Samsung, Google lanzará este ano a plataforma Android XR, que integra Gemini en dispositivos de realidade estendida como cascos e lentes intelixentes. Con esta combinación, os usuarios poderán planificar viaxes inmersivas, visualizar vídeos e mapas arredor deles e crear itinerarios completos en minutos, experimentando unha versión máis realista do destino antes de viaxar.

Gemini, tamén en auriculares

Finalmente, Gemini chegará tamén a auriculares de Samsung e Sony, completando así unha experiencia de asistente omnipresente e sempre dispoñible, pensada para acompañar o usuario en calquera momento, desde calquera dispositivo Android.