Gestamp leva a tecnoloxía galega de CO2 Smart Tech ás súas plantas de norteamérica

luns, 14 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A epresa galega CO2 Smart Tech, con sede en Oleiros e especializada en tecnoloxías intelixentes para acadarmos a meirande eficiencia enerxética, formalizou un importante acordo con Gestamp, compañía referente a nivel internacional en materia de fabricación de compoñentes de metal para o eido do automóbil. Gestamp decantouse pola experiencia e innovación da firma galega para a xestión enerxética das súas plantas en México e Estados Unidos, onde está a aplicar, como ferramenta estándar de xestión de recursos, o sistema de monitoraxe de enerxía co2st-tem. Este xa está en marcha en dúas sedes de Gestamp nos dous ditos países. A previsión é abranguer outras 10 plantas máis.
A finalidade da compañía do metal é, ante todo, reducir o seu consumo enerxético ao tempo que obtén meirande marxe de eficiencia nas súas liñas de produción, grazas á integración dos parámetros de produción no sistema. O obxectivo final, segundo informa CO2 Smart Tech, é modelar o comportamento dos equipos para que traballen da maneira máis sustentábel posíbel, “ofrecendo información de gran valor para a toma de decisións por parte dos responsables de cada planta”.
A tecnoloxía co2st-tem, un avanzado software cloud de seguimento da enerxía en tempo real, permitirá optimizar o consumo nas plantas de Gestamp, ademais de ofrecer información fundamental no mantemento das instalacións, con vistas a predicir os mellores comportamentos e optimizar os procesos de produción.
Por certo que amais de todo o devandito, o sistema co2st-tem inclúe aplicacións móbiles específicas para tabletas que, sincronizadas cunha aplicación na nube, permiten actuar sobre as instalacións de xeito remoto. Ou sexa, que lle posibilitarán a Gestamp traballar intelixentemente cos consumos e custes de subministros de auga, electricidade e gas mediante unha software de dispoñíbel e operábel na nube.

PUBLICIDADE