Girl STEM entrevista ás expertas en videoxogos Dhaunae de Vir e Gisela Vaquero

xoves, 19 de novembro do 2020 S. P.

O programa de actividades Girl STEM, impulsado por AGASOL e AMTEGA para botar abaixo estereotipos e desigualdades de xénero no ámbito das novas tecnoloxías da información, colle novos folgos esta semana coas intervencións de dúas expertas no eido dos videoxogos e deportes electrónicos: por unha banda Dhaunae de Vir, desenvolvedora de negocio transmedia, e pola outra Gisela Vaquero, deseñadora e guionista de videoxogos. As dúas forman parte do movemento Women in games, que axuda, promove e dá visibilidade ás mulleres desenvolvedoras e xogadoras de videoxogos, tanto estudantes, afeccionadas coma profesionais.
A entrevista realizada por Luz Castro, fundadora da Asociación Galega de Videoxogos, analiza cal é a posición das mulleres neste crecente negocio e as medidas que é preciso adoptar para evitar que queden excluídas deste ámbito.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da Amtega, que, como dixemos, busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Nesta edición, o programa Girl STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola COVID-19 e, en palabras das dúas entidades, “para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia”. Seguindo este fío, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Dhaunae de Vir e Gisela Vaquero en “formato de pílula audiovisual”, acompañada dunha unidade didáctica, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da AMTEGA.

Dhaunae de Vir

Dhaunae de Vir naceu nos Ancares, pero actualmente reside entre Estocolmo, Madrid e Londres traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos. Á parte da vertente de negocio, a súa experiencia no ámbito transmedia abrangue deseño, produción e tradución de videoxogos, series, sitios web, xogos de rol e outros formatos a varias linguas. Foi a fundadora e xerente de Biblioteca Oscura ata que foi recrutada por White Wolf Entertainment. Na actualidade, Dhaunae é a súa directora de Desenvolvemento de Negocio, centrándose na distribución e a dispoñibilidade.

Gisela Vaquero

Gisela Vaquero traballou na industria dos videoxogos durante máis de cinco anos. É licenciada en Comunicación Audiovisual, en Publicidade e Relacións Públicas e especializada en deseño e guión de videoxogos. É fundadora de Jellyworld Interactive, una compañía que busca mellorar a igualdade de xénero mediante os videoxogos; e Presidenta da Asociación Women in Games España (WIGES), unha organización creada no 2017 que promove, dá visibilidade, defende os dereitos das mulleres desenvolvedoras de videoxogos, e incentívaas nos campos tecnolóxicos.
O vindeiro xoves 26 de novembro, o programa Girl STEM publicará a conversa coa referente Rocío Martínez Núñez, investigadora do King´s College de Londres, que será entrevistada por Noa Orizales, directora da empresa galega Contidos Dixitais.
Quen queira consultar as conversas con Dhaunae de Vir e Gisela Vaquero tenas dispoñíbeis en Archive.org ou a continuación:

PUBLICIDADE