God of War terá unha nova entrega protagonizada por Faye
mércores, 3 de xuño do 2026
Sony pechou o seu último evento State of Play cun dos anuncios máis destacados dos últimos anos para PlayStation: God of War Laufey, a nova entrega principal da popular saga desenvolvida por Santa Monica Studio. O título chegará a PlayStation 5, aínda que polo momento non conta cunha data de lanzamento confirmada.
A principal novidade é o cambio de protagonista. A aventura abandona a figura de Kratos para situar no centro da acción a Laufey, máis coñecida como Faye, a guerreira xigante e esposa do deus da guerra. O personaxe, que ata agora tivera unha presenza limitada na saga nórdica, convértese nesta ocasión no eixo dunha historia propia ambientada tras a súa morte.
A trama arrinca cando Faye esperta de forma inesperada despois do seu funeral nun misterioso reino coñecido como Everywhen, un espazo situado máis alá das distintas vidas despois da morte e onde converxen deuses e criaturas procedentes de múltiples mitoloxías. Alí descobre que os plans que deixara preparados para protexer a Kratos e Atreus están ameazados, polo que deberá emprender unha viaxe para intentar regresar ao seu fogar.
O novo escenario permitirá explorar unha cuestión que apenas fora abordada nos anteriores xogos: que acontece cos deuses cando morren. Everywhen preséntase como a orixe e o destino de toda a maxia, un territorio onde conviven entidades de diferentes panteóns e no que Faye atopará tanto aliados como inimigos. Entre os primeiros destacan Phranque, un curioso cubo cósmico interpretado por Jack Quaid, e Rue, gardiá dunha espada encantada á que pon voz Perlina Lau.
A actriz Deborah Ann Woll recupera o papel de Faye tras a súa participación en God of War Ragnarök, converténdose nesta ocasión na protagonista absoluta da aventura.
O cambio de personaxe tamén supón unha transformación importante do sistema de combate. Mentres Kratos se caracterizaba pola forza bruta e os ataques contundentes, Faye apostará por un estilo máis áxil e dinámico, combinando movementos terrestres e aéreos cun amplo uso da maxia. Santa Monica Studio asegura que o sistema mestura a mobilidade e fluidez dos títulos ambientados na Grecia clásica coa profundidade narrativa e a exploración introducidas na etapa nórdica da franquía.
A arma principal da protagonista será unha espada lendaria que lle permitirá encadear ataques rápidos e manter a presión constante sobre os inimigos. Ademais, Faye poderá recorrer aos poderes da súa chamada "man dourada", unha habilidade vinculada á maxia dos xigantes de Jötunheim que lle permite separar a alma dos adversarios do seu corpo e utilizala de diferentes formas durante os combates.
Os responsables do proxecto tamén adiantaron algúns dos novos personaxes e criaturas que aparecerán na aventura, incluíndo deidades como Sekhmet e Begtse, así como sorprendentes acompañantes como un enorme gato de seis patas capaz de voar.
A directora do xogo, Ariel Lawrence, explicou que o obxectivo foi conservar os elementos fundamentais que identifican a serie God of War mentres se ofrecía unha perspectiva nova a través dunha protagonista diferente. Cory Barlog, director creativo de Santa Monica Studio e unha das figuras clave da franquía, participou igualmente na presentación do proxecto, que forma parte da visión a longo prazo do estudio para a saga.
Desde o reinicio iniciado en 2018, God of War converteuse nunha das propiedades máis importantes de PlayStation, que actualmente Prime Video está a adaptar en forma de serie de televisión, polo que parece bastante atinado manter a franquía viva con produtos derivados como God of War Laufey.
Vídeo de presentación de God of War Laufey
