Gondomar celebra este Nadal un curso formativo sobre o bo uso dos videoxogos

mércores, 24 de decembro do 2025 S. P.

O Concello de Gondomar, dentro do seu “compromiso co benestar da cidadanía e coa promoción de contornas dixitais seguras”, desenvolve este Nadal un curso formativo de balde dirixido a familias, mocidade e persoal educador sobre O bo uso dos videoxogos e Benestar e prevención de riscos dixitais.
O programa ten como finalidade ofrecer ferramentas prácticas e recursos actualizados para fomentar un uso responsable e equilibrado dos videoxogos; para recoñecer sinais de uso excesivo ou problemático e aplicar medidas de prevención; para coñecer os riscos dixitais máis comúns (ciberacoso, grooming, estafas en liña, exposición a contidos inapropiados, etc.); para promover hábitos de benestar dixital, tanto no eido familiar como educativo; e para aprender a configurar controis parentais, sistemas de privacidade e pautas de seguimento.
O curso está especialmente pensado para nais e pais, adolescentes e mocidade, e tamén profesorado, monitorado e profesionais do ámbito socioeducativo.
Celébrase os días 26 e 29 de decembro, en horario de maña no CDL (Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar).
As persoas interesadas poden obter máis información e realizar a súa inscrición escribindo a: info@luagaming.com.