Durante a xornada de apertura da conferencia Google I/O adiantaron a tecnoloxía Google Duplex, que permitiría que o Asistente de Google fixese chamadas telefónicas en linguaxe natural para, por exemplo, poder pedir cita nun salón de beleza ou reservar mesa nun restaurante, deixando claro que aínda quedaban anos para que esta tecnoloxía chegase ao grande público, pero confirmando que estaba a avanzar a bo ritmo, conseguindo que actuar dun xeito bastante solvente ante as situacións creadas en conversas telefónicas, resultando moi difícil deducir que se está a interactuar cunha máquina.
Esta presentación causou inicialmente o asombro dos asistentes, pero pouco a pouco foron chegando as críticas, xa que moitas persoas consideraban moi preocupante e mesmo arrepiante que un sistema de intelixencia artificial imitase ser unha persoa, e aínda que Google Duplex poida resultar beneficioso tanto para usuarios como para pequenos negocios, dende Google tiveron que saír á palestra para especificar que a súa nova tecnoloxía terá que «identificarse apropiadamente», ou sexa, que procurarán ser transparentes, e deixar claro aos interlocutores cando estarán a falar cunha intelixencia artificial, o que debería pulir as asperidades creadas ao facerse públicos os avances para conseguir interaccións faladas en linguaxe natural.
Vídeo de presentación de Google Duplex durante o Google I/O
