Google Fotos deixará de ofrecer almacenamento ilimitado de balde
mércores, 11 de novembro do 2020
En 2015, durante a presentación de Android M, Google
anunciou que o
seu servizo de fotografías na nube pasaba a ofrecer almacenamento ilimitado de
balde de por vida para as nosas fotografías na súa resolución orixinal (até
16 Mpíxeles) e dos nosos vídeos (até Full HD), levando a que a grande masa de
usuarios de Android a nivel mundial confiase as súas coleccións fotográficas á
compañía de Mountain View pola tranquilidade que supón non ter que preocuparse
polo espazo que ocupan as imaxes e os vídeos.
Actualmente Google Fotos permite gozar de almacenamento de imaxes ilimitado en
alta calidade (16 Mpíxeles) ou tamén nun modo chamado exprés (no que as
fotografías só ocupan 3 Mpíxeles, o que entendemos que está dirixido a territorios
con accesos á Rede moi precarios), mentres que se queremos gardar as imaxes coa
calidade orixinal temos como mínimo 15 GB de almacenamento de balde, pero a
xenerosidade de Google ten un límite, e ante o feito de que este servizo non
xere ingresos, decidiron
mudar a súa política, de xeito que manterán os plans ilimitados de balde
até rematar maio de 2021.
A partir do 1 de
xuño de 2021 todas as fotografías e vídeos que se suban á nube de Google
pasarán a ocupar espazo na conta do usuario (espazo compartido con Google
Drive e Gmail), o que dende Google queren vender como un favor, xa que
din que así non teñen que utilizar a información dos usuarios de Google Fotos
con motivos publicitarios.
Este anuncio de Google é toda unha sorpresa, de aí que poñan un prazo amplo
para o cambio de política, xa que teñen que dar tempo aos usuarios para
establecer novos hábitos coas copias de seguridade do seu contido multimedia,
de xeito que haberá quen opte por facer limpeza de fotografías para optimizar o
espazo utilizado, os que pasarán a pagar 1,99 euros/mes para gozar de 100 GB de
almacenamento na nube de Google, ou os que optarán por migrar a servizos alternativos
como OneDrive (que para os subscritores de Office 365 ten 1 TB de almacenamento)
ou incluso Amazon Photos (que aínda ofrece almacenamento ilimitado de
fotografías para os clientes de Amazon Prime).
Estamos ante unha historia que se repite, e que fai desconfiar cada vez máis de
Google, por entrar nun negocio (neste caso, o almacenamento fotográfico en liña)
até dominalo dun xeito case absoluto, esnaquizando á competencia polo camiño,
de xeito que cando finalmente deixa tirados aos usuarios atopa un mercado con
poucas opcións onde escoller.