Google Play Music integrará podcasts

mércores, 28 de outubro do 2015 Marcus Fernández

A relación entre Android e o podcasting é bastante complicada, e aínda que inicialmente existían solucións de serie para xestionar podcasts, por exemplo combinando Google Reader e Google Listen, pouco a pouco Google foi deixando de lado un formato de contidos que en iOS tiña aplicación de seu, pero parece querer rectificar e anuncian que Google Play Music prepara a adopción dos podcasts.
De feito, non se van limitar a servir de reprodutor de podcasts, senón que a intención actual de Google é seguir os pasos de Apple ata o punto de contar cun catálogo de podcasts no seu servizo para facilitar o descubrimento deste tipo de contidos dende o móbil ou a tableta, de xeito que os editores de podcasts nos EE.UU. poden xa dar de alta as súas publicacións para facilitar o seu acceso por parte dos usuarios de Android.
Este novo servizo non só permitirá realizar buscas no catálogo de podcasts, senón que tamén terá certa intelixencia, de xeito que poderá recomendar podcasts en función das actividades e os intereses do usuario, dun xeito semellante ao que se fai coa música, o que permitirá que os seareiros a este tipo de contidos poidan descubrir material que le resulte atractivo.
Aínda que o normal actualmente é limitarse a dar de alta os podcasts en servizos como iTunes e iVoox, o feito de que todos os meses haxa máis de mil millóns de persoas usando Google Play debería de levar a que este novo catálogo de podcasts medre meteoricamente atendendo ao propio interese dos podcasteiros para dar a coñecer as súas creacións.