Google fai máis accesible a IA de pagamento

martes, 27 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

A carreira actual polo dominio da intelixencia artificial non está só nas capacidades técnicas, senón tamén no seu atractivo comercial, e ao igual que hai un par de semanas OpenAI lanzou internacionalmente o plan ChatGPT Go para facer máis accesible economicamente o seu modelo de IA (ofrecendo un plan por 9,99 euros/mes), agora é Google a que lanza globalmente Google AI Plus, que por 7,99 euros/mes achega un acceso superior a Gemini e outras ferramentas de IA de Google.
A compañía de Mountain View mantén o plan Google AI Pro a 21,99 euros/mes, que tamén estaca por incluír 2 TB de almacenamento, o que pode ser tamén un reclamo para a súa contratación. De feito, Google xa emprega o espazo de almacenamento como un xeito de manter aos seus usuarios ligados a subscricións, ofrecendo un plan básico con 100 GB de almacenamento por 1,99 euros/mes e un plan estándar con 200 GB de almacenamento por 2,99 euros/mes, polo que o salto dende este último a Google AI Plus supón só unha carga adicional de 5 euros/mes, que para usuarios intensivos da IA pode resultar bastante razoable.
O plan de almacenamento Premium, con 2 TB de capacidade, tamén suporía que o plan Google AI Pro tería un custo neto de 11,99 euros, o que está moi lonxe dos 20 dólares/mes que cobra OpenAI polo seu plan Plus. Pero o máis salientable do plan de almacenamento Premium é que a partir de agora, aparte dos 2 TB de almacenamento, tamén incluirá os beneficios de Google AI Plus mantendo o seu prezo de 9,99 euros/mes, o que é unha interesante proposta de valor que deixa nunha situación moi delicada a ChatGPT Go.