Google leva a función de conversa co seu asistente de IA ao iPhone
xoves, 14 de novembro do 2024
Mentres Apple non achegará a súa intelixencia artificial aos móbiles europeos até abril de 2025, dende Google están a dar grandes pasos co seu asistente de IA, Gemini, que na súa versión para iPhone vén de activar a función Gemini Live nunha ducia de idiomas entre os que figuran o español e o portugués (e, aÃnda que non conte con soporte oficial, tamén é posible pedirlle conversar en galego).
Grazas a Gemini Live os usuarios de iPhone poden agora explorar ideas, simplificar temas complexos e prepararse para ocasións importantes conversando a viva voz co asistente de IA, dun xeito moi natural, ofrecendo un nivel de conversa bastante avanzado, abrindo a porta a resultados máis complexos mediante interaccións moi propias da colaboración entre persoas.
A aplicación de Gemini tamén permite planificar viaxes, obter información de case calquera tema, crear imaxes xeradas mediante IA en poucos segundos, entender as imaxes que lle acheguemos, obter resumes ou explorar ideas.
Estas funcionalidades están limitadas para usuarios ordinarios, e para poder tirar un maior proveito da ferramenta de Google é preciso contratar a súa versión Gemini Advanced, que desbloquea os modelos de IA máis avanzados e dá acceso prioritario a novas funcións.
Cómpre salientar que, en contraste co que acontece en Android, Gemini non pode executar accións como realizar chamadas telefónicas ou modificar a configuración do dispositivo (por exemplo, activar a Wi-Fi ou o Bluetooth), pois non está integrado como un asistente do sistema operativo.