Google leva a tradución simultánea en tempo real aos auriculares en iOS.

xoves, 26 de marzo do 2026 Redacción

A compañía de Mountain View anunciou a chegada da función Live Translate á súa aplicación de tradución no ecosistema de Apple, ao tempo que amplía a súa dispoñibilidade tamén en Android a novos mercados, entre eles España, Francia, Alemaña, Italia, Xapón, Tailandia e o Reino Unido.
A nova capacidade permite converter calquera par de auriculares nun tradutor persoal en directo, facilitando a comprensión de conversas en máis de 70 idiomas. O sistema funciona a través da aplicación Google Translate: abonda con acceder á opción Live translate e conectar os auriculares para comezar a recibir traducións en tempo real.
Esta ferramenta está pensada para situacións nas que a comunicación inmediata resulta clave, como viaxes internacionais ou interaccións cotiás con persoas que falan outras linguas. A tecnoloxía non só traduce o contido verbal, senón que tamén intenta preservar o ton e a cadencia da voz orixinal, co obxectivo de ofrecer unha experiencia máis natural.
Entre os usos máis destacados figura a posibilidade de seguir conversacións familiares en linguas distintas á propia ou comprender avisos e recomendacións durante desprazamentos. Google subliña así o potencial de Live Translate para reducir barreiras lingüísticas e facilitar unha comunicación máis fluída en contextos diversos.