Google podería estrear teléfono en xaneiro

xoves, 17 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Nos últimos días rexurdiron con forza os rumores de que Google ía lanzar o seu propio teléfono móbil, o que resultaba un tanto confuso porque realmente a compañía xa ten un par de teléfonos co sistema operativo Android que locen a súa marca, e estase a dar por feito que o novo terminal chamaríase Nexus One, estaría fabricado por HTC e que buscaría librarse das exclusividades das distintas operadoras vendéndose libre posible dende primeiros de 2010 (incluso chegan a asegurar que sairá en xaneiro).
Este novo terminal contaría coa última versión (2.1) do sistema operativo Android, que está a madurar a moi bo ritmo, e que está a ter unha acollida comercial moi favorable, con ducias de terminais de distintos fabricantes, o que fai aínda máis rechamante o apoio de Google cara a un dispositivo en concreto, no que parece un simple posicionamento fronte ao iPhone de Apple, competidor de referencia ao que supera en numerosos puntos (como na súa liberdade, na posibilidade de executar aplicacións en segundo plano, no prezo e nas dispoñibilidade de certas aplicacións exclusivas promovidas por Google).
Segundo parece, o Nexus One sería un terminal con pantalla táctil capacitiva AMOLED con resolución WVGA, procesador Qualcom Snapdragon a 1 GHz con soporte OpenGLES 2.0, sensor de proximidade e luz ambiental, compás dixital, Wi-Fi, Bluetooth, emisión e recepción de radio FM, cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash, receptor de GPS e lector de tarxetas microSD.
Problemas de nome
Pero Nexus One podería non poder ser o nome definitivo do novo móbil de Google, posto que Isa Dick Hackett, filla de Philip K. Dick, asegurou nunha entrevista que Google non pediulle permiso para utilizar a denominación que en Blade Runner dábase aos replicantes (que na historia narrada era do modelo Nexus 6).
Tamén ultraportátiles
E os móbiles non son os únicos produtos que poderían venderse en 2010 baixo a marca de Google, senón que tamén habería moitas posibilidades de que os ultraportátiles que correrán con Google Chrome OS cheguen inicialmente a través da propia Google, de xeito que os paralelismos entre Google Chrome OS e Android serían máis que evidentes.
A venda de ultraportátiles coa marca de Google podería ser un factor decisivo para a súa popularidade, resultando inevitable lembrar coma compañías coma Nokia tamén estrearon ultraportátiles baixo a súa marca, demostrando que tal mercado aínda ten moito que dicir.

PUBLICIDADE