Google prepara o lanzamento de YouTube en Europa e comezará por Francia
mércores, 13 de xuño do 2007
O máis famoso sitio de intercambio de vídeos en liña YouTube, propiedade do todopoderoso estadounidense Google, vai comezar a súa andaina por Europa e segundo publicou “Les Echos” comezará lanzando unha versión francesa, por ser un dos mercados que conta con máis usuarios en Europa.
O presidente da empresa, Eric Schmidt, sinalou que a saída de YouTube no país galo farase pública o vindeiro día 19 en París, e que esta iniciativa servirá para facerlle fronte á competencia de outros sitios similares como Daylymotion ou MySpace, que teñen unha forte implantación en Francia.
A fin de que esta chegada acade o éxito agardado, Google está negociando coas principais cadeas de televisión do país co obxectivo de poder propor os seus contidos en YouTube e xa estableceu contacto con TF1, Canal Plus, M6 ou o grupo público France Télévision, co que chegou a un acordo para emitir certos programas da súa canle “France 4”.
Co tempo, o xigante da Rede pretende establecer coas devanditas canles de televisión, acordos de reparto de ingresos publicitarios como xa o está a facer en Estados Unidos.
