Google presenta un par de modelos de IA orientados á robótica

mércores, 12 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Dende Google Deepmind están a amosar ao mundo dous novos modelos de intelixencia artificial baseados en Gemini 2.0 e que destacan por estar deseñados para a robótica. Por unha banda Gemini Robotics é o modelo máis avanzado de Google de visión-linguaxe-acción, que permite aos robots realizar unha ampla gama de tarefas no mundo real, mentres que Gemini Robotics-ER permite aos especialistas en robótica a correr os seus propios programas tirando proveito do razoamento encadeado de Gemini.
Estes modelos están a probarse por parte de socios de confianza de Google, e dende o blog de Google DeepMind están a dar bastante información sobre o estado no que se atopan actualmente.
Con estes modelos os robots poden realizar tarefas adaptándose ao contorno, adaptándose aos cambios sobre a marcha, para o que precisan comprender tanto a linguaxe natural dos usuarios para atender as súas ordes, como o mundo que os rodea. Tamén están a desenvolver grande destreza, de xeito que na actualidade os brazos robóticos xa poden facer papiroflexia, algo que non hai moito parecería imposible.
Cómpre salientar que Gemini Robotics tamén pode adaptarse facilmente para distintos tipos de robot, de xeito que tanto pode empregarse en laboratorios como axudar no futuro a realizar tarefas do noso día a día.

Vídeo de presentación de Gemini Robotics