Google quere utilizar globos para facilitar o acceso á Rede en lugares afastados

luns, 17 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Hai anos comentábase a intención de Bill Gates de lanzar unha flota de centos de satélites de baixa altura para dotar de conectividade de datos a todo o mundo, pensando especialmente nos países en vía de desenvolvemento, e aínda que tal proxecto non chegou a florecer, agora chegan dende Google unha proposta semellante, que en vez de optar por satélites tradicionais, considera máis atinado o desenvolvemento da plataforma de comunicacións mediante globos que se despracen valéndose das correntes de vento na estratosfera, ou sexa, ao dobre de altura que os voos comerciais, o que permite conexións de datos dende terra moi semellantes ás que hoxe temos coa tecnoloxía 3G.
Este Proxecto Loon pode resultar axeitado para conectar o rural, lugares afastados, zonas con reducidos recursos e incluso para facilitar as comunicacións tras catástrofes naturais; e destaca fronte a outras iniciativas semellantes no seu reducido custo, combinando o vento e a enerxía solar para facer funcionar toda unha flota de globos, para o que están a desenvolver unha serie de complexos algoritmos.
Para pór a proba este proxecto está a desenvolverse un programa piloto en Nova Zelandia, con 50 persoas intentando conectar a unha rede composta polo momento por 30 globos, experimento que servirá para mellorar esta tecnoloxía e o deseño dos globos.
Todo este desenvolvemento poderá servir no futuro para redes de datos e de telefonía, especialmente en lugares afastados, facilitando a creación de infraestrutura de telecomunicacións alí onde espallar redes de cable resulte demasiado caro e complexo.


Vídeo no que explican a tecnoloxía detrás do Proxecto Loon

PUBLICIDADE