Google rende homenaxe ao Comecocos

xoves, 30 de outubro do 2025

Google celebra hoxe o 45 aniversario de Pac-Man cun Doodle especial de Halloween que recupera o espírito do clásico dos salóns recreativos dos anos 80 (coñecido popularmente como Comecocos en España), integrando unha versión personalizada desta xoia do lecer electrónico. O xogo, desenvolvido en colaboración con Bandai Namco Entertainment, inclúe oito niveis, catro deles ambientados en labirintos de casas encantadas inspirados na personalidade dos famosos fantasmas Blinky, Inky, Pinky e Clyde.
O obxectivo segue a ser guiar a Pac-Man polos corredores para devorar todos os puntos mentres evita os inimigos. Mais, se se recollen as pílulas máxicas, a situación invértese e é o xogador quen pode perseguir os fantasmas.
O Doodle pode xogarse directamente desde a páxina principal de Google durante o día de hoxe e tamén mañá, ofrecendo unha homenaxe nostálxica e festiva ao mítico personaxe que leva corenta e cinco anos devorando puntos en pantallas de todo o mundo.