Google xa entende o español falado

mércores, 9 de xuño do 2010 Marcus Fernández

A aplicación de Google para iPhone xa permite as buscas por voz en español

A estrea de Google Maps Navigation en boa parte de Europa, con servizos de recoñecemento de voz adaptados ás distintas linguas da rexión, deixaba claro que Google está a mellorar os seus servizos de voz, pero non quixeron agardar a outro día para o seu anuncio, e hoxe mesmo estrean a busca por voz de Google en francés, alemán, italiano e español (ata o momento só estaba dispoñible en inglés, mandarín e xaponés), o que permite que nas distintas aplicación móbiles de Google (dispoñibles para Android, iPhone e BlackBerry) poidamos realizar buscas na web valéndonos só da nosa voz, o que resulta moi cómodo e rápido, especialmente en situacións nas que temos as mans ocupadas.

A busca por voz tamén chega aos terminais BlackBerry

Dende Google queren destacar que este novo servizo está adaptado aos acentos dos países orixinais das novas linguas, polo que algúns usuarios poderían ter problemas no recoñecemento de voz (coma, por exemplo, os que falen español con algún dos acentos sudamericanos).
O recoñecemento de voz parece bastante preciso, detectando tamén distintos tipos de busca, de xeito que a aplicación de Google non amosa os resultados de igual xeito cando buscamos unha ruta, a carteleira cinematográfica ou unha páxina web en xeral.


Explicación do funcionamento de Google Search by Voice en español

PUBLICIDADE