Gradiant comezou o ano impulsando un centro de desenvolvemento 5G

mércores, 27 de xaneiro do 2021 Pedro Pérez

Gradiant, centro tecnolóxico galego que centra seu traballo en prestar servizos e desenvolver proxectos conxuntos de pequenas e medianas empresas galegas, vén de poñer en marcha un centro de ensaios e probas da nova tecnoloxía 5G en Galicia. O proxecto, que conta cu n investimento inicial en I+D+I de 1 millón de euros, ten como finalidade a de atraer a unha das 10 grandes multinacionais tecnolóxicas, para que instalen unha planta en Galicia.
O proxecto 5G de Gradiant, que mantén liñas de colaboración co laboratorio universitario 5G da Universidade de Vigo, ten como tarefa colaborar coas empresas galegas na transición á tecnoloxía de quinta xeración. A plataforma centrarase no estudo, deseño, desenvolvemento e validación de tecnoloxía de 5G e outras futuras. Así, Gradiant porá ó servizo de tódalas tecnolóxicas galegas este banco de probas para que poidan optimizar e aumentar seus ensaios no novo estándar de tecnoloxía móbil.
O laboratorio sitúase nas instalacións de Gradiant en Vigo e adquiriu equipos de última xeración e especialistas en tecnoloxías celulares, de rede e radio, ademais de expertos en ciberseguridade, IA (Intelixencia Artificial), algoritmia, Internet das Cousas (IoT), análise de datos a gran escala (Big Data), deseño de hardware ou creación de programas informáticos.
O proxecto podería integrarse nos Fondos Next Generation da Unión Europea, polos que España recibirá 140.000 millóns de euros para facer fronte aos danos provocados pola COVID-19 e que así financiarían os proxectos que vaian dirixidos á transformación dixital, á reindustrialización e ás enerxías limpas.
O Centro Tecnolóxico Gradiant materializou, dende a súa fundación, proxectos para máis de 200 compañías de Galicia, especialmente pequenas e medianas empresas, e que no 2020 rexistrou unha facturación de 5,3 millóns de euros.
Entre os máis de 340 proxectos con empresas e 30 organismos inclúense Boeing, Microsoft, Samsung, Eleven Paths ou Navantia.

PUBLICIDADE