Gradiant e EnergyLab xuntan forzas para achegar ás pemes a enerxía intelixente
luns, 15 de novembro do 2021
Os
centros tecnolóxicos da nosa terra Gradiant e EnergyLab presentaron
na mañá deste 15 de novembro un proxecto enerxético conxunto para
integrar a Intelixencia Artificial no ámbito da xestión enerxética,
sendo o seu obxectivo dar forma a unha enerxía máis intelixente e
sustentable. No punto de mira de Unesia,
así se chama o proxecto, está botar unha man ás empresas no seu
día a día en materia de xestión de recursos, agora que tantas
cousas (enerxeticamente falando sobre todo) se poñen na súa contra.
Na
cita participou a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN),
Patricia Argerey, quen tivo ocasión de coñecer o resultado deste
compromiso conxunto dos dous centros galegos pola innovación
tecnolóxica.
Luis
Pérez Freire, director xeral de Gradiant, apuntou que “Unesia nace
coa vocación de converterse nun axente tecnolóxico de referencia
para a implementación conxunta da transición verde e a transición
dixital da economía, protexendo o medio ambiente á vez que se
potencia o crecemento económico e a rendibilidade”.
Pola
súa banda, o director xeral de EnergyLab, Fernando Val sinalou que
“os retos que se expoñen tanto para as empresas, como a nivel
global para o noso país, esixen que o traballo colaborativo sexa
crucial para ter éxito. Unesia é un exemplo claro, permitindo
reforzar as capacidades do ecosistema de I+D+i galego para
proporcionar ás empresas ferramentas que melloren a súa
competitividade facéndoas máis eficientes e sustentables”.
Patricia
Argerey salientou que os centros tecnolóxicos melloraron a súa
posición dentro do ecosistema de innovación nos últimos 5 anos
como fonte de coñecemento externo para as empresas de Galicia. A
directora de GAIN puxo den valor “o traballo dos centros
tecnolóxicos galegos, agrupados na Alianza Tecnolóxica
Intersectorial de Galicia (ATIGA), pola súa excelencia e os seus
resultados na contorna nacional, obtendo o mellor posicionamento no
programa nacional de excelencia Cervera.
Obxectivos
concretos
Unesia
céntrase en “aproveitar o coñecemento e a experiencia na creación
de ferramentas innovadoras nos ámbitos da enerxía e a Intelixencia
Artificial, unha combinación de capacidades que, segundo apuntaron
os dous centros tecnolóxicos, permitirá “axudar ao tecido
empresarial de Galicia na súa adaptación á industria intelixente”.
Tamén
lembraron o forte compromiso de EnergyLab e Gradiant cos Obxectivos
de Desenvolvemento Sustentable (ODS) marcados para a Axenda 2030 de
Nacións Unidas, obxectivos que preparan o terreo de cidades
ecoeficientes, con consumo e produción sustentable, facendo un
mellor uso dos recursos a través de aplicacións innovadoras
respecto ao modelo actual.
Unesia,
que permitirá a creación de 15 empregos cualificados cada ano,
centrarase inicialmente nos sectores primario e enerxético, na
industria e sistemas urbanos intelixentes. Entre as súas prioridades
sitúase a captación dun millón de euros ata 2023 e alcanzar en
2030 un incremento do 15% no volume de negocio conxunto.
