Gradiant e Everis impulsan a atención médica personalizada con tres tecnoloxías pioneiras

mércores, 26 de outubro do 2016 Fernando Sarasketa

O Hospital Gil Casares de Santiago, sede do centro eJKC (eHealth Joint Knowledge Centre), acolleu hoxe a presentación de tres ferramentas tecnolóxicas pioneiras (na súa esencia e obxectivos e tamén nas metodoloxías empregadas para o seu desenvolvemento e validación, ombro con ombro cos profesionais médicos do dito hospital e máis do CHUS) e de gran potencial para mellorar a calidade de vida de determinados doentes e o día a día dos facultativos e o persoal que os atende. Falamos de OnCare, OnTime e Saludei. Trátase, informaron os responsábeis do eJKC, de tecnoloxías que apostan forte polos servizos de medicina especializada.
De feito, a personalización é un dos seus grandes alicerces comúns e, tamén, de todo o traballo pasado, presente e futuro do devandito centro. Este, como lembraremos, é a unidade unidade mixta constituída polo Centro Tecnolóxico Gradiant e a multinacional Everis, coa Fundación Ramón Domínguez como entidade subcontratada. Foi dada a coñecer oficialmente en xuño de 2015, dende a sede se seu no devandito Hospital Gil Casares de Santiago.
Na cita participaron representantes de Gradiant, Everis, a Fundación Ramón Domínguez e a a Axencia Galega de Innovación (GAIN). En representación da multinacional española Everis interveu o galego Jesús Lage, responsábel da compañía na nosa terra. Comezou o seu relatorio salientando a fórmula empregada por eJKC dende a súa orixe (a fórmula da unidade mixta colaborativa con Gradiant e a do traballo en estreita relación cos profesionais médicos composteláns, atendendo polo miúdo ás súas necesidades e procurando, en cooperación, a máxima utilidade dos recursos tecnolóxicos desenvolvidos). Segundo engadiu, un dos grandes obxectivos de eJKC foi dende os seus comezos (hai agora case dous anos) mellorar a asistencia sanitaria pola vía das TIC a través da personalización das mesmas. Recordou igualmente que “algúns dos proxectos presentados este 26 de outubro están xa en fase de proba e pilotaxe” e fixo fincapé na importancia (para Everis mesma e para todo o ámbito da eSaúde en xeral) do centro eJKC, “un centro singular e referencial dende todas as frontes, pola metodoloxía de traballo elixida, polo investimento e esforzos postos en xogo e polo alto nivel dos profesionais investigadores que acubilla”.
No acto tamén interveu Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, que destacou a importancia das tecnoloxías que están a abrollar do traballo conxunto entre o centro tecnolóxico galego e Everis e, tamén, o camiño elixido para dar forma a esas tecnoloxías: un camiño de colaboración (Everis-Gradiant-profesionais médicos) que garante os mellores resultados e a máxima utilidade. Ao seu xuízo, alén de todos os logros que se están a acadar a través de eJKC, demostrouse ao longo destes case dous anos de andaina conxunta que o traballo levado a cabo no seo mesmo dun hospital, convivindo cos integrantes dos equipos sanitarios, é unha fórmula ben acaida para asegurar innovación de utilidade. Pérez Freire tamén aproveitou a cita cos medias para agradecer o apoio da Consellería de Economía e da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
De innovación de utilidade tamén falou Helena Fernández, directora da área de Saúde de Gradiant (e principal responsábel da unidade mixta), quen fixo un percorrido específico polas tres tecnoloxías devanditas (OnCare, OnTime e Saludei), polos investimentos postos en xogo (case 3 millóns de euros para un prazo de tres anos) e polos obxectivos concretos de eJKC.
Segundo fixo saber, OnCare é unha aplicación móbil que xa está a ser empregada polos facultativos e que se dirixe a permitir o seguimento da dor en pacientes oncolóxicos que experimenten episodios de forte dor. A ferramenta posibilita que os doentes poidan rexistrar estes episodios e a súa intensidade da maneira máis doada posíbel. Esta tecnolóxica atópase xa en fase de probas avanzadas e está a ser empregada polos pacientes e polos profesionais médicos do complexo hospitalario compostelán. Segundo fixo saber Helena Fernández, é unha das primeiras aplicacións móbiles de saúde que están a validar de certo no traballo diario dun ambiente médico concreto.
Polo que atinxe a Saludei, é en certa maneira unha continuación de OnCare. Trátase, máis en detalle, dunha tecnoloxía móbil para favorecer o seguimento e o coidado personalizado dos pacientes. Saludei é aplicábel a calquera ámbito médico, non só ao oncolóxico. Arestora atópase en fase de desenvolvemento.
OnTime, pola súa banda, é un algoritmo para reducir os tempos de espera dos doentes que se atopan en tratamento de quimioterapia. Esta tecnoloxía é quen de reducir os tempos de espera e optimizar a carga de traballo do hospital de día oncolóxico. Atópase en fase de desenvolvemento co soporte do servizo de oncoloxía clínica do CHUS.
O encontro foi presentado polo xerente da Xerencia da Xestión Integrada de Santiago e presidente da Fundación Ramón Domínguez, Luis Verde, e contou coa participación da directora da área de Centros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Sonia Pazos; e a directora da Fundación Ramón Domínguez, María Gómez-Reino.

PUBLICIDADE