Gradiant e Netex investiron máis de 2 millóns en innovación para o ámbito eLearning

xoves, 24 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O Centro Tecolóxico Gradiant e a empresa Netex, centrada no fornecemento de aplicacións informáticas para favorecer o ensino a distancia entre empresas e entidades académicas, presentaron onte os resultados da súa iniciativa conxunta de formación avanzada para profesionais. Estamos a falar da Unidade Mixta de Investigación (UMI) Smart Lifelong Learning para a Industria do Futuro e a Sociedade do Coñecemento, que, como o seu propio nome indica, encamíñase a facilitar novos recursos personalizados de adestramento para traballadoras e traballadores da Industria 4.0. Os datos foron achegados por Antía Fernández e Agustín Cañas, codirectores de Sistemas Intelixentes de Gradiant; e José Ramón Mosteiro, CTO de Netex. Segundo salientaron, a UMI xa investiu máis de 2 millóns de euros en renovar o fondo e a forma do eLearning.
Tamén lembraron que o proxecto conxunto xurdiu coa arela de buscar novas fórmulas para actualizar os coñecementos das persoas que traballan en ámbitos tecnolóxicos, ámbitos en constante evolución e transformación. A unidade mixta, formada por profesionais de ambas as entidades, investigou ao longo de 3 anos o desenvolvemento de ferramentas innovadoras para formación e avaliación do retorno do investimento de proxectos educativos. En total, este proxecto contou cun investimento de case 2,3 millóns de euros e un equipo de 55 profesionais de alta cualificación de Gradiant e Netex, e contou co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN), a través do Programa Unidades Mixtas de Investigación 2016, e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Nun plano máis detallado, Smart Lifelong Learning centrouse “nunha estratexia intelixente de aprendizaxe”, empregando solucións de analítica de datos para identificar problemas, xestionar o talento e pór en marcha “aprendizaxes significativas” que poderían axudar a minimizar o problema do fracaso escolar. “Só en Galicia, colaborouse con máis de 250 centros educativos e participaron nos pilotos máis 800 docentes e 11000 alumnos, de entre 10 e 12 anos”, informaron os investigadores de Gradiant, salientando tamén o importante periplo do proxecto polos principais eventos do mundo da educación, como o BETT ou a Frankfurt Book Fair, entre outras citas de primeira liña.
Tamén destacaron a énfase posta na capacitación dos traballadores na industria 4.0, fomentando o traballo centros de educación superior (universidades e escolas de negocios) co fin de estudar “como as solucións desta Unidade Mixta podían axudar a estas institucións a superar o espazo que separa formación regulada das necesidades que ten o mundo da empresa e como adaptar a formación das universidades, aínda baseada en leccións presenciais e papel, a novos modelos demandados polos traballadores da sociedade do coñecemento”. Este traballo permitiu establecer reunións de traballo coa Stanford University Graduate School of Business en EE.UU; e coa BPP University en Reino Unido, entre outras entidades.
Os investigadores tamén puxeron o foco no importante potencial da UMI para dixitalizar as industrias creativas, reducindo os custos de transformación tecnolóxica ao automatizar os procesos de importación e o maquetado das actividades educativas. “Desta maneira”, sinalaron, “grazas ao traballo desenvolvido no seo da UMI é posíbel construír unha nova xeración de contidos con valor diferencial para os usuarios, ao converter os contidos en autónomos (independentes da plataforma educativa) e brindar servizos centrados en información en tempo real, adaptabilidade, personalización, colaboración e gamificación”.

PUBLICIDADE