Gradiant e a Fundación Barrié presentan unha ferramenta para traballar con documentos cifrados en Google Drive
luns, 15 de abril do 2013
A seguridade ten que ser
útil pero tamén simple e accesíbel, senón estaremos a percorrer o
camiño errado. A complexidade é, en certa maneira, o contrario do
que precisan os internautas. Na liña de apostar pola protección dos
datos ao tempo que se ten en conta a sinxeleza e o inmediato, o
centro galego Gradiant e máis
a Fundación Barrié
veñen de lanzar unha aplicación para traballar con documentos
cifrados en Google Drive. A aplicación en cuestión chámase
SafeGDocs e é unha ferramenta de balde e cen por cen integrada na
interface de Google Drive, ao que cómpre engadir a gran vantaxe de
permitir o cifrado de documentos “de forma sinxela”,
informa Gradiant. Por se isto fose pouco, déixanos marxe para
compartir estes documentos grazas ao seu mecanismo de xestión de
claves.
Para o centro de I+D
vigués, estaba claro que a computación na nube e moitos dos cambios
que estamos a vivir na sociedade dixital esixen medidas de salvagarda
específicas que, lonxe de ser un atranco á dispoñibilidade total
da información, sexan un impulso. A nube permítenos a xestión dos
nosos datos sen límites espaciais, dende calquera lugar e
dispositivo, e posibilítanos tamén para compartilos coas persoas
que desexemos compartilos. Nunha situación coma esta, cómpre ir
alén do que nos achegan moitos provedores dos servizos cloud en
materia de seguridade. De aí nace SaceGDocs e o proxecto no que se
acubilla, o proxecto SCAPE (Securing the Cloud with Automated
Privacy Enhancement), liderado por Gradiant e apoiado firmemente
pola Fundación Barrié a través do seu Fondo de Investimento en
Ciencia.
Este proxecto, informa
Gradiant, “potenciou e deu continuidade a unha liña de
investigación que pretende desenvolver solucións de cifrado e
seguridade avanzada na nube”. Entre os seus obxectivos atópase
o de asegurar a privacidade da nosa información, mesmo fronte a un
posíbel acceso do provedor do servizo de almacenamento da
información. O primeiro resultado deste proxecto é SafeGDocs, un
complemento para o navegador Firefox que se integra con Google Drive.
O complemento atópase dispoñible de forma gratuíta na
páxina web específica de SafeGDocs (e tamén no
Facebook de seu). Os autores deste software son os investigadores
Lilian Adkinson, Daniel A. Rodríguez, Saúl Méndez, Alexander
Tsybanev e Celia González, do Centro Tecnolóxico de
Telecomunicacións de Galicia (Gradiant).
Segundo engade o centro
vigués, a Fundación Barrié financia cinco proxectos de
investigación, con millón e medio de euros do seu Fondo de
Investimento en Ciencia, creado en 2011 cos obxectivos de promover a
investigación de excelencia, trasladar os resultados
científico-tecnolóxicos xerados no sistema de investigación á
sociedade, así como abrir a ciencia e a I+D pública ao investimento
privado, apoiando a xeración de oportunidades de investimento
baseadas en desenvolvementos científico-tecnolóxicos. Os outros
catro proxectos desenvólvense en colaboración coa UDC e a USC.