Gradiant presenta en San Francisco unha ferramenta para combater a desinformación e a fraude dixital: Veraquo

mércores, 25 de marzo do 2026 S. P.

Gradiant, centro tecnolóxico TIC de referencia en Galicia, participa estes días, e ata o próximo 26 de marzo, na Conferencia RSA 2026, o evento de ciberseguridade máis importante do mundo, que se celebra en San Francisco (EE UU). Neste escaparate global, o centro tecnolóxico presenta as súas últimas innovacións para a industria, destacando Veraquo, unha plataforma pioneira baseada en intelixencia artificial deseñada para loitar contra os usos maliciosos da IA xenerativa.
Desde o Pavillón Internacional de España, Gradiant mostrará o potencial de Veraquo para proporcionar a empresas, administracións e usuarios ferramentas de confianza coas que verificar a autenticidade do contido dixital.
Segundo explica o centro vigués, a plataforma é capaz de detectar con gran precisión imaxes e vídeos manipulados ou voces clonadas, “converténdose nun aliado fundamental na loita contra a desinformación e protexer a integridade da información na era dixital, reducindo o risco financeiro e reputacional”.
Juan González, director de Seguridade e Privacidade en Gradiant, presente estes días en RSA 2026, sinala que “grazas ao seu enfoque integral, esta ferramenta analiza audio, imaxe e vídeo para detectar manipulacións, o que permite, por exemplo, identificar se un vídeo aparentemente real foi xerado artificialmente, se unha voz foi clonada ou se unha imaxe foi alterada con fins maliciosos”. Engade que “ferramentas como Veraquo, que conta con integración vía API ou uso desde interface web, reforzan as capacidades das organizacións para xestionar non só a protección dos activos dixitais, senón tamén a fiabilidade dos fluxos de transaccións e decisións automatizadas en tempo real, un factor crítico para operar en mercados competitivos e regulados”.
Ademais de Veraquo, Gradiant mostra en San Francisco outros activos tecnolóxicos clave que reforzan a integridade de procesos e a protección de identidades dixitais, especialmente para o sector financeiro, como é o caso de SafeGate, que se posiciona como unha plataforma deseñada para organizar infraestruturas criptográficas complexas, reducindo riscos operativos e mellorando a rastrexabilidade e o cumprimento normativo en mercados altamente regulados.
Como parte deste enfoque integral, o centro tamén mostra solucións complementarias como KeyConnect by Gradiant, orientado á xestión segura de claves en contornas na nube; e máis Idhub by Gradiant, centrado na gobernanza de certificados dixitais e procesos de autenticación e sinatura.