Gradiant reivindica o papel das mulleres no emprendemento deep tech
xoves, 19 de febreiro do 2026
O Centro Tecnolóxico Gradiant retomou o seu ciclo Tech Talks (segunda tempada) cunha clara vontade de loitar contra a fenda de xénero STEM e de reverter datos coma os dos informes recentes de Neotec, que sinalan que a desigualdade de xénero en aspectos como a propiedade de capital social de empresas de base tecnolóxica segue sendo enorme (só o 16% pertence a mulleres).
A nova mesa redonda de Gradiant abordou como as mulleres están a transformar o liderado en ámbitos que definen o futuro tecnolóxico, como a intelixencia artificial, a computación cuántica ou a ciberseguridade.
Tamén se analizaron sectores con elevada presenza feminina, como a biotecnoloxía (58,6%), a saúde (46%) e o farmacéutico (67,7%), onde o liderado de mulleres xa é unha realidade consolidada.
Durante a sesión, as persoas participantes compartiron experiencias persoais, decisións clave nas súas traxectorias e momentos de incerteza, poñendo o foco tanto nos logros como nas barreiras estruturais que aínda persisten. O debate subliñou que “a diversidade non é unicamente unha cuestión de equidade, senón unha vantaxe competitiva real en contornas de alta innovación”.
Na nova edición participaron Almudena Justo (directora do Centro Internacional de Computación Cuántica de Fsas Technologies), Carmen López Pérez (responsable de Innovación en Balidea), Raquel Jiménez Alcalá (responsable de Cybersecurity Analytics en Gradiant), Antía Fernández López (directora de Innovación para Mercados Estratéxicos en Gradiant), Faustino Castro (director executivo de Dokken, spin-off de Gradiant) e Luís Pérez-Freire (director xeneral de Gradiant).
A sesión pon en valor a importancia do mentoring, o apoio institucional e as redes de contacto como pancas para impulsar o talento feminino en deep tech. Para Gradiant, “visibilizar referentes é clave para inspirar a novas xeracións e consolidar un cambio estrutural no ecosistema TIC”.
Esta Tech Talk aborda temas complexos sobre tecnoloxía que incumben non só ao sector TIC, senón á sociedade en xeral. O obxectivo é abrir a conversa sobre como construír un ecosistema tecnolóxico máis diverso, inclusivo e competitivo.
Con esta segunda tempada, Gradiant reafirma o seu compromiso “cunha tecnoloxía que innova e tamén reflexiona sobre o seu impacto e responsabilidade social”.
O capítulo da segunda tempada de Tech Talks
