Grupo Nueva Pescanova, galardoado polo CPEIG co Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel

venres, 7 de xuño do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder o Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2024 ao Grupo Nueva Pescanova, empresa galega especializada na pesca, cultivo, elaboración e comercialización dos produtos do mar, con sede en Redondela. Será, concretamente, polo seu proxecto tecnolóxico de rastrexabilidade (trazabilidade).
Segundo explica o CPEIG, a compañía traballa con IBM para mostrar o percorrido que seguen os seus produtos ao longo da cadea de valor, desde as orixes pesqueiras e acuícolas ata os mercados, garantindo así a súa seguridade alimentaria, calidade, legalidade e sustentabilidade.
Garantir a trazabilidade dos produtos do mar é unha solución que responde aos obxectivos de Pacto Mundial das Nacións Unidas (UN Global Compact) para contribuír a un océano san e produtivo en 2030. Neste marco, o Grupo Nueva Pescanova implementou a ferramenta IBM Food Trust, que utiliza a tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain) e está baseada no estándar GDST 1.0 (Global Dialogue on Seafood Traceability, plataforma internacional que promove un marco unificado para as prácticas de rastrexabilidade de produtos do mar).
Así, o Grupo Nueva Pescanova traballa para integrar o seu catálogo baixo esta ferramenta, de xeito que clientes e consumidores poidan acceder de “forma transparente a información relevante dos seus produtos”. Os estándares GDST permiten a interoperabilidade entre os sistemas de trazabilidade dos produtos do mar, asegurando que todos os datos clave se recollen e rexistran dixitalmente: lote, características do produto, permisos, licenzas, localizacións e certificacións que proban as prácticas pesqueiras e de cultivo responsábel, ademais das evidencias de sustentabilidade e a garantía de seguridade alimentaria que os mercados e consumidores demandan.
José Antonio Campos, director de Sistemas do Grupo Nueva Pescanova, recollerá o galardón na XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.

PUBLICIDADE