Guitarra de luxo para as consolas PS2 e PS3

xoves, 23 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Os usuarios que consideren que as guitarras de plástico oficiais para xogos coma Guitar Hero ou Rock Band poden optar agora por un periférico moito máis realista, pois a Logitech Wireless Guitar Premiere Edition é unha guitarra sen fíos para as consolas PS2 e PS3 que sorprende polo seu realista acabado, que inclúe materiais como os das guitarras de verdade: mastro de madeira, teclas de palisandro e trastes metálicos.
O director comercial da división de videoxogos de Logitech, Ruben Mookerjee, asegura que «non hai mellor sensación que ser o tipo co mellor instrumento cando vas á casa dunha amigo a xogar ao Guitar Hero», e iso parece ser o motivo polo que se animaron a lanzar este exclusivo accesorio para as consolas de videoxogos de Sony, que impresiona tamén polos 249,99 dólares (193,37 euros) que custará nos EE.UU. a partir do mes de decembro.

O mastro de madeira da guitarra presenta un acabado realmente bo

O certo é que xa existen moitas guitarras para as consolas que buscaban dar o pego imitando o deseño de modelos de guitarra eléctrica reais, pero en ningún caso se acadaba o realismo deste produto de Logitech que aínda que non venda moitas unidades por mor do seu elevado prezo se vai converter en todo un obxecto de desexo que pase a historia.
A guitarra funciona con tecnoloxía sen fíos na banda dos 2,4 GHz e precisa da conexións dun receptor USB na consola para poder xogar. Tamén inclúe unha funda que conta cun espazo para gardar o receptor e os discos dos xogos. Para operar emprega 2 pilas AA.

PUBLICIDADE