HTC atrévese a comercializar un casco de realidade estendida a un prezo de 1.229 euros
mércores, 18 de setembro do 2024
HTC non quere dar por perdido o sector doméstico da realidade estendida, e aínda que as Meta Quest 2 e 3 teñen un dominio do mercado innegable, queren que os visores HTC Vive teñan presenza máis aló do mercado profesional, polo que presentan HTC Vive Focus Vision, un visor que co seu prezo de 1.229 euros deixa claro que non pretende ter unhas vendas masivas, pero si ofrecer unha experiencia máis avanzada da que podemos ter, por exemplo, cunhas Meta Quest 3 (que custan dende 549 euros).
As Vive Focus Vision adoptan o mesmo formato híbrido das Meta Quest, ou sexa, que poden empregarse de xeito autónomo ou conectadas a un PC para experiencias de VR avanzadas, contando cun sistema de seguimento corporal que abre moitas posibilidades.
Grazas ao modo DisplayPort, as Vive Focus Vision prometen unha experiencia de xogo de realidade virtual de PC (SteamVR) con baixa latencia e alta fidelidade, buscando así gañar a confianza dos xogadores de PC máis esixentes, mentres que as tecnoloxías de seguimento corporal e facial amplían as posibilidade sociais deste casco que tamén inclúe tecnoloxía de seguimento da mirada.
Este novo casco integra pantallas de 2.448 x 2.448 píxeles por ollo, cun campo de visión de 120 graos e unha velocidade de refresco de 90 Hz; as súas cámaras permiten un seguimento de mans moi preciso; conta con tecnoloxía de son tridimensional (así como con micrófonos con cancelación de eco e toma para auriculares); e as súas cámaras de maior resolución facilitan o passthrough (ou sexa, que poden amosar o contorno do usuario a toda cor en estéreo). Tamén integra un sistema de disipación activa e permite ampliar o seu almacenamento interno mediante tarxetas microSD de até 2 TB.
Aínda que este produto pode empregarse para a produtividade, especialmente tirando proveito da realidade estendida (de xeito que podemos traballar con pantallas virtuais de equipos informáticos), parece máis pensado para combinalo cun potente ordenador mediante cable ou Wi-Fi, para poder gozar dunha experiencia de realidade virtual semellante á que podemos probar nalgúns salóns recreativos.