HTC estrea tablet con Android

martes, 15 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Os tablets con Android que queren competir co iPad que ven a luz no Mobile World Congress non van ser unicamente de Motorola, Samsung e LG, senón que hai outros fabricantes que tamén queren entrar neste novo tipo de produtos que promete un grande dinamismo en 2011, coma HTC, que anunciou o HTC Flyer, produto cunha carcasa unibody de aluminio, con pantalla de 7 polgadas (cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles), procesador a 1,5 GHz e conectividade HSPA+, que non quere quedarse no hardware para destacar, senón que estará apoiado por outras tecnoloxías combinando a interface HTC Sense nunha nova versión adaptada a tablets (cunha atractiva pantalla de inicio en 3D), a tecnoloxía HTC Scribe que achega o recoñecemento de escritura para facilitar a toma de notas no novo trebello, o servizo HTC Watch para ver películas mediante streaminge incluso compatibilidade coa plataforma de xogo na nube OnLive (polo momento limitada a EE.UU.).
O dispositivo deberá chegar ao mercado no segundo trimestre do ano, e repasando as especificacións do HTC Flyer podemos destacar que conta con 1 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno, GPS, compás dixital, Wi-Fi N, Bluetooth 3.0, conector de auriculares, microUSB, cámaras de 5 e 1,3 Mpíxeles, batería de 4.000 mAh, unhas dimensións de 195,4 x 122 x 13,2 milímetros e un peso de 415 gramos. Por desgraza funcionará con Android 2.2, polo que promete repetir os erros comerciais do Samsung Galaxy Tab.
ACTUALIZACIÓN (16-2-2011): O HTC Flyer aparece listado na tenda xermana de Amazon a un prezo de 669 euros, o que parece excesivo se temos en conta que o Samsung Galaxy Tab (con prestacións moi semellantes) está á venda na mesma tenda en liña a 495 euros (e a partires de 460 euros a través de tendas asociadas a Amazon).


Primeiro vistazo ao HTC Flyer

PUBLICIDADE