HUB presenta un programa de formación intensiva de programadores

xoves, 30 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

A escola de negocios dixitais HUB presentou hoxe nas súas instalacións na Coruña o Draft Coder Bootcamp, un programa formativo que busca responder á demanda de talento programador por parte do mercado laboral, moi concretamente das empresas tecnolóxicas galegas, que ven limitada a súa capacidade de medrar e competir pola falta de profesionais cualificados.
HUB desenvolve o Draft Coder Bootcamp da man de cinco empresas tecnolóxicas galegas (Aldaba, Balidea, Auren, Premium Leads e Webphone) que buscan captar a boa parte dos participantes deste programa de formación intensivo e financiarán bolsas para facilitar o acceso a esta formación (que serán proporcionais ao rendemento dos alumnos).
O Draft Coder Bootcamp desenvolverase a partires do 16 de marzo ao longo de 18 semanas de formación (cun total de 640 horas) e outras 8 semanas en prácticas nas 5 empresas colaboradoras que comprométense a cubrir 9 postos de traballo con algúns dos 12 alumnos que poderán acceder a este Bootcamp.
Poderán ser alumnos desta iniciativa persoas con pensamento lóxico, actitude positiva e capacidade de esforzo, non esixíndose experiencia, coñecementos previos nin titulación superior (aínda que esta última valorarase no proceso de selección), e o investimento económico que terán que realizar parte dos 2.600 euros, que é a primeira cota que deberán asumir os alumnos, mentres que a segunda cota de 1.900 euros poderá verse reducida a través das 9 bolsas patrocinadas polas empresas participantes. Existe unha terceira cota que será do 10% do salario bruto do primeiro ano de traballo tras o Bootcamp (estimado entre os 17.000 e 20.000 euros), ou sexa, que se un alumno non consegue a integración laboral non tería que satisfacer esta cantidade, deixando claro que os responsables desta iniciativa confían no seu éxito.
Este programa de formación intensiva quere que o alumnado asimile os fundamentos do HTML e do CSS, que aprenda a deseñar interfaces responsive, que coñeza o funcionamento das API REST e pase a afondar na programación en JavaScript (ES6, Node.js, ReactJS), para rematar sendo capaz de deseñar e implementar aplicacións reais utilizando técnicas e ferramentas aprendidas durante xornadas de formación cunha grande compoñente práctica.
Encargaranse da formación do Draft Coder Bootcamp profesionais con grande experiencia: Carlos González (fullstack developer en HUB), David García Fernández (consultor de Shopify, AWS e Serverless en MelodyVR), Diego Pérez Martínez (desenvolvedor en Salesforce Commerce Cloud) e Rafael Vizcaíno González (fullstack developer).
Dende HUB animan a participar no Bootcamp a persoas dispostas a dedicar 4 meses da súa vida a formarse para converterse en profesionais cotizados e en permanente demanda laboral.

PUBLICIDADE