Hack A Boss e Softtek acadan un 90% de empregabilidade

venres, 4 de abril do 2025 S. P.

A coruñesa Hack A Boss, referente galego e estatal en formación tecnolóxica, segue a dar importantes avances na súa estratexia de ser un punto de conexión entre o talento tech e as empresas que buscan perfís cualificados. Segundo indica a firma, un claro exemplo do devandito é a súa colaboración con Softtek, unha compañía global con sede na Coruña que atesoura máis de 40 anos de experiencia e 15.000 profesionais en América, Europa e Asia, sendo recoñecida recentemente por Forbes como Super Empresa 2023 (polo seu enfoque en talento e cultura laboral). Grazas a esta alianza, creouse un programa de formación totalmente adaptado ás necesidades dun dos seus principais clientes no sector financeiro.
Formación en desenvolvemento backend con Java para Softtek
Entre outubro de 2023 e abril de 2024, Hack A Boss impartiu tres edicións dun bootcamp en desenvolvemento backend con Java, con especialización en Spring Boot e un framework propio, para un gran cliente de Softtek no sector financeiro. En total, 55 estudantes adquiriron as habilidades específicas que a empresa necesitaba, co obxectivo de integralos de inmediato no equipo do cliente, preparados desde o primeiro día.
Resultados que falan por si sós
Hack A Boss sinala que “os resultados foron excepcionais”, co 98,2% dos estudantes superando o bootcamp e facéndoo con cualificacións entre 8,1 e 10. En canto á inserción laboral, Softtek contratou á maioría dos graduados entre marzo e novembro de 2024. Un 90% dos estudantes xa forma parte dos equipos dun dos principais clientes financeiros de Softtek.
Hack A Boss: un partner estratéxico para as empresas
Dende o equipo da firma de formación coruñesa explican que este modelo de formación e captación de talento “demostra como a colaboración entre empresas e centros de formación pode transformar o sector tecnolóxico”. Este encaixe entre talento e oportunidades laborais conséguese co “contacto directo e permanente coas empresas”, un diálogo continuo que posibilita que a Hack A Boss detectar as necesidades do mercado, como neste caso, a formación en Java que necesitaba o cliente de Softtek. Para esta análise a tempo completo, a firma coruñesa emprega unha ferramenta propia, a Boost Market, que semanalmente analiza as necesidades do mercado.
Hack A Boss tamén destaca os horizontes que abre Java: “Trátase dunha linguaxe clave para Softtek e unha das máis demandadas no desenvolvemento backend. A súa estabilidade, seguridade e escalabilidade convértena na opción preferida en sectores como a banca, o comercio electrónico e as telecomunicacións, onde grandes empresas confían en tecnoloxías como Spring Boot para crear solucións robustas e eficientes. Durante os primeiros dous meses, os alumnos reforzaron os seus coñecementos en programación, desde o máis básico ata un nivel avanzado en Java. No último mes, a formación axustouse especificamente ás necesidades do cliente de Softtek, asegurando que as e os estudantes chegan listas/os para incorporarse ao equipo e achegar valor desde o primeiro día”.
Pechando a fenda entre a formación e o mercado tech
Casos como o de Softtek permiten a Hack A Boss verificar que o contido dos seus bootcamps encaixe nas necesidades reais do mercado. Unha vez validados, estes programas ofrécense ao público en xeral, garantindo que os alumnos estean entre os primeiros en estar listos para responder as esixencias do sector das novas tecnoloxías. “Este enfoque de formación personalizada e aliñada coas demandas actuais non só beneficia aos estudantes, senón que tamén achega un valor esencial ás empresas que buscan talento cualificado”, explican dende Hack A Boss, engadindo que “con este modelo seguimos marcando a diferenza, achegando aos profesionais tech do futuro ás oportunidades laborais do presente”.