Higinio González, novo director do Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial
venres, 12 de decembro do 2025
O IFCAE, o Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial da Universidade de Vigo, vai rematar o ano abrindo unha nova etapa baixo a dirección do catedrático Higinio González. Co seu nomeamento releva no cargo ao tamén catedrático Ángel Paredes, que ocupou o posto desde a posta en marcha no ano 2023 deste centro, que ten a súa sede no Campus de Ourense.
O novo director sinala asume a dirección coa motivación principal de acadar que o IFCAE “actúe como instituto de investigación de referencia para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, en sinerxía co Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e co Campus Auga, contribuíndo ao desenvolvemento científico e tecnolóxico da nosa contorna xeográfica”.
Pondo en valor a traxectoria do instituto desde a súa creación, Higinio González destaca a súa crecente actividade e dimensión. Así, apunta, na actualidade o instituto conta con 55 investigadoras e investigadores adscritos e catro grupos de investigación, como son o de Grupo de Enxeñaría Física (OF1), o Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada (LIA2), o Laboratorio de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte (ATS1) e o Laboratorio de Termofísica (FA4).
Como exemplo da súa actividade engade que neste 2025, o centro acadou participar en 14 novos proxectos de I+D de diferente ámbito por un importe total de 2.121.750 euros, que se suman aos iniciados en anos anteriores e que teñen continuidade. Igualmente, acadouse a publicación de 55 artigos científicos, actas de congreso e capítulos de libro e a defensa de dúas teses de doutoramento.
O obxectivo que se marcou o IFCAE na súa posta en marcha é “converterse e posicionarse como un centro de investigación de excelencia e transferencia de I+D sectorial de referencia nos eidos da física, os sistemas aeroespaciais e outras disciplinas relacionadas, conectada coas redes nacionais e internacionais máis relevantes”. Un obxectivo polo que se continuará traballando na nova etapa que se abre baixo a dirección de Higinio González.
A UVigo explica que o nomeamento de Higinio González dá continuidade á súa dilata traxectoria na Universidade de Vigo tanto en docencia como investigación e cargos de responsabilidade e xestión. Doutor en Física Aplicada pola Universidade de Vigo, incorporouse a esta institución académica no ano 2010, sendo desde 2019 profesor titular e desde 2023 catedrático en Sistemas de Navegación Aeroespacial. Profesor na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, coordina o Máster en Sistemas Aéreos Non Tripulados e ten sido subdirector tanto da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (entre 2016 e 2018) como da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (entre 2018 e 2023). Desde 2007, ten sido investigador principal en proxectos financiados con máis de 10 millóns de euros por institucións autonómicas, estatais e internacionais, así como por empresas privadas, destacando sete financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación e tres pola Unión Europea. Ademais ten publicado 174 artigos e comunicacións en congresos internacionais, cun índice H de 33 e 3.716 citas; dirixido sete teses doutorais e supervisado 98 traballos de fin de grao e mestrado. Ten recoñecidos tres sexenios de investigación, un sexenio de transferencia e tres quinquenios docentes e recibido diferentes premios. Desde 2023, dirixe o Laboratorio de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte (AeroLab).
