Hisense A5: un smartphone con pantalla de tinta electrónica

xoves, 24 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Aínda que o normal é que os smartphones presenten cada vez pantallas de maior tamaño e mellor reprodución de cor, hai dispositivos que conseguen sorprendernos por moverse nunha dirección diferente, como o Hisense A5, que chega estes días ao mercado chinés, e que presenta unha pantalla de tinta electrónica de 5,83 polgadas cunha resolución de 640 x 720 píxeles e batería de 4.000 mAh, de xeito que goza dunha grandísima autonomía, xa que falamos dun teléfono que realmente estaría orientado á lectura.
Este teléfono funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 439, 4 GB de RAM e 32/64 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 256 GB), ten cámaras traseira e frontal de 13 e 5 Mpíxeles, conectividade 4G, Bluetooth, conector para auriculares, e un prezo de 1.199 iuans (153 euros) para o modelo con 32 GB de almacenamento, e de 1.499 iuans (191 euros) para o modelo con 64 GB de almacenamento interno.
Non estamos ante o smartphone máis atractivo do mercado para os usos máis habituais, pero moitos poden agradecer que conte con grande autonomía, poida verse a súa pantalla baixo a luz do sol e permita unha lectura de texto confortable, no que podería considerarse como un eReader con teléfono incorporado (aínda que cómpre lembrar que existen varios smartphones no mercado que complementan a pantalla de tinta electrónica con outra pantalla tradicional, de xeito que si poderían empregarse para, por exemplo, ver vídeos e fotografías a toda cor).

PUBLICIDADE