Hisense lanza o seu primeiro móbil con Windows Phone

xoves, 14 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Aínda que Hisense é unha marca que temos asociada principalmente a monitores e móbiles con Android, este fabricante chinés tamén se atreve con Windows Phone co seu novo Hisense Nana (E260T+), un smartphone con pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon de dobre núcleo a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 32 Gb, dobre SIM, batería de 2.000 mAh, un grosor de 10,68 milímetros e 150 gramos de peso.
Pese a estarmos ante un terminal moi limitado, é dabondo para operar coa última revisión de Windows Phone 8.1, polo que podería ser unha interesante opción para os que queiran un terminal económico cun sistema operativo distinto de Android (aínda que o propio móbil conserve os botóns do sistema operativo promovido por Google).

PUBLICIDADE