Huawei achégase a Apple e Samsung en volume de smartphones

mércores, 2 de agosto do 2017 Marcus Fernández

As estimacións sobre o mercado dos smartphones a nivel mundial relativas ao segundo trimestre de 2017 por Canalys Research deixa constancia do liderado de Samsung, compañía que con 79 unidades postas no mercado consegue manter a súa posición, a unha cómoda distancia de Apple, que con 41 millóns de iPhones distribuídos sorprendeu, xa que incrementaría as súas vendas nun 2% e superaría claramente as vendas do Samsung Galaxy S8 pese a que o iPhone 7 está considerado un produto con poucas novidades e a enorme expectación polo vindeiro iPhone.
Un fabricante que consegue ter unha forte presenza global é Huawei, que colocou no mercado 38 millóns de unidades, colocándose nunha posición moi sólida, que dá a entender que o liderado do sector xa non é cousa de dous, senón de tres.
A maior distancia estarían Oppo e Xiaomi, outros fabricantes chineses de grande pulo, pero con pouca presenza comercial fóra do seu territorio, sendo bastante relevante o feito de que Xiaomi conseguise recuperar o quinto posto global, xa que ultimamente vía moi ameazada a súa posición ante a forza doutras compañías chinesas.
Este panorama déixanos nunha situación moi interesante, especialmente pensando no último trimestre do ano, cando previsiblemente haberá unha grande competencia tras os lanzamentos de dispositivos como os previsibles iPhone 8 e Samsung Galaxy Note 8, smartphones aos que os fabricantes chineses tamén terían que responder dalgún xeito, aínda que parece evidente que cada compañía traballa en tramos de prezo diferentes, e o que resulta difícil de estimar é cal sería o tamaño do mercado dos smartphones de alta gama.

PUBLICIDADE