IFTTT incorpora receitas de Office 365

mércores, 22 de xullo do 2015 Marcus Fernández

A automatización de tarefas na Rede é cada vez máis popular, grazas en boa medida a servizos como IFTTT, plataforma que permite definir receitas nas que os usuarios poden programar accións que se desenvolven de darse unhas condicións predefinidas, e para facilitar que no contorno corporativo tamén poida facerse un bo uso desta ferramenta estrean unha canle de receitas para Microsoft Office 365, que permite automatizar accións para a versión corporativa de OneDrive, Correo, Calendario e Contactos.
Entre as receitas dispoñibles para Office 365 podemos atopar funcións como o gardado automático de fotografías publicadas en servizos como Facebook ou Instagram nun cartafol en OneDrive, a programación de eventos no calendario, o envío dunha notificación cando se reciba un e-mail de alta prioridade, a inclusión no noso calendario dun recordatorio para lembrarnos levar paraugas se a predición meteorolóxica estima que vai chover almacenar os documentos adxuntos que recibamos por Gmail directamente en OneDrive ou gardar os nosos chíos favoritos en OneNote. Toda unha chea de funcións que considerarán moi prácticas moitos usuarios.