No outono chegará iOS 11, actualización do sistema operativo móbil de Apple que, entre outras cousas, inclúe ARKit, unha tecnoloxía que facilita a creación de solucións de realidade aumentada, e dende Di Digital confirman que IKEA sería unha das primeiras compañías en querer aproveitar tal potencial para facilitar que a través dunha aplicación de realidade aumentada os seus clientes poidan tomar mellores decisións de compra, xa que poderán comprobar como se verían virtualmente os produtos de IKEA no seu fogar.
A aplicación móbil de IKEA contaría con entre 500 e 600 produtos que poderían verse en realidade aumentada e teñen previsto que se estrea xunto co lanzamento da actualización de iOS, o que é un bo exemplo de uso desta tecnoloxía que vai moito máis aló de xogos como Pokémon Go.
Polo momento dende IKEA só teñen previsto que a aplicación de realidade aumentada facilite a visualización dos seus produtos no noso fogar, e non facilitaría a compra directa, por mor do calendario tan axustado que teñen para completar a aplicación, pero pretenden que no futuro esta funcionalidade poida ser só o primeiro paso para pechar unha compra dende dispositivos móbiles.
Cómpre lembrar que non é a primeira vez que IKEA xoga coa realidade aumentada, e dende hai varios anos as aplicacións de catálogo de IKEA inclúe a posibilidade de colocar produtos 3D no noso fogar, aínda que no catálogo actual a funcionalidade limítase a 90 artigos, polo que a nova aplicación para iOS suporía un salto de calidade e unha maior aposta por esta tecnoloxía.
Vídeo no que podemos ver como era o uso da realidade aumentada de IKEA no seu catálogo para 2014
