INEO impulsará a fórmula da colaboración no seu Foro TIC para a Innovación Empresarial

venres, 14 de setembro do 2012 Redacción

Jorge Cebreiros, presidente de INEO, nunha imaxe recente publicada en El Correo Gallego

Institucións públicas, axentes do sector das novas tecnoloxías da información e máis representantes de distintos sectores produtivos participan no Foro TIC para a Innovación Empresarial, organizado pola asociación empresarial INEO e que se celebra a finais de setembro. O obxectivo deste encontro: facilitar a innovación colaborativa entre axentes do sector das novas tecnoloxías dixitais, institucións e empresas, contando ademais coas novas oportunidades de financiamento para a innovación desenvolvida desde Galicia.
Galicia ten unha oportunidade única para posicionarse á vangarda da innovación. Estamos nun intre no que conflúen novas oportunidades de financiamento para desenvolver proxectos de innovación desde aquí, un sector TIC galego que crece en canto á creación de empresas e mantén o nivel de emprego, unha importante rede de equipos e centros de investigación (no que se inclúen varios Centros de Excelencia Europea) e unha necesidade empresarial cada vez maior de incorporar produtos e servizos innovadores, que impulsen a competitividade non só no ámbito nacional, senón tamén no internacional.
Con esta perspectiva celébrase a finais de setembro o Foro TIC para a Innovación Empresarial en Galicia, un evento organizado por INEO, que ten como obxectivo principal favorecer e dinamizar as oportunidades de innovación colaborativa en Galicia.
É por iso que neste Foro participarán non só representantes do sector TIC (centros de investigación, empresas e asociacións), senón tamén representantes do tecido empresarial galego e os máximos representantes do Goberno da Xunta de Galicia e de organismos públicos de desenvolvemento empresarial e de innovación (como o IGAPE ou a Axencia Galega de Innovación). E non só de Galicia, xa que nesta edición está prevista a participación dos máximos representantes do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI).
Así, o Foro organizado por INEO será unha oportunidade única para compartir ideas e experiencias cos axentes implicados na posta en marcha dun dos maiores fondos de financiamento para a I+D+i galega: o Plan Innterconecta. Financiado con cargo aos fondos europeos FEDER, o Plan Innterconecta é o resultado da colaboración CDTI – Xunta de Galicia para traccionar financiamento a proxectos de innovación desenvolvidos desde Galicia e nos que colaboren empresas (pemes incluídas), centros de investigación e universidades. A primeira convocatoria foi todo un éxito e sentou as bases da segunda fase, desenvolvida unicamente en Galicia e que contará con 70 millóns de euros, practicamente o dobre dos fondos dispoñibles na primeira edición.
Co necesario aproveitamento do Plan Innterconecta de fondo, os participantes do Foro para a Innovación Empresarial de Galicia abordarán novas oportunidades de colaboración para a posta en marcha de proxectos de innovación que xeren novos produtos e novos servizos destinados a impulsar a competitividade do tecido produtivo galego.
Para isto, debemos facer valer a experiencia e mais a especialización das empresas que forman parte do sector TIC galego. Un sector que ocupa o sétimo posto no panorama TIC nacional, un sector do que forman parte máis de 1.900 empresas (un 7% máis que en 2010) e un sector que é quen de manter os 16.000 postos de traballo directos, nunha época especialmente adversa para o emprego de alta cualificación.
Apostar polo desenvolvemento do sector TIC é apostar pola xeración de riqueza e de postos de traballo cualificados… Mais tamén é apostar polo avance e pola competitividade dos sectores produtivos fundamentais para a economía galega.
As empresas TIC de Galicia destacan pola proximidade ao cliente e están avanzando na especialización, para situarse á vangarda da súa actividade nos ámbitos nacional e internacional. Só é preciso ir un paso máis alá: facilitar a innovación colaborativa, seguindo o camiño trazado polo Plan Innterconecta: proxectos de innovación nos que cooperen universidades, centros de investigación, PEME e grandes empresas para desenvolver produtos e servizos demandados polo tecido produtivo, para impulsar a súa competitividade nun mercado global e mellorar o benestar social.
A inscrición no Foro é gratuíta e debe formalizarse chamando ao 986 112 570 ou enviando un correo electrónico a administracion@ineo.org, indicando nome e apelidos da persoa que asiste, así como os seus datos de contacto e a empresa á que representa.


Benchmarking Tecnolóxico en INEO

O evento incluirá a presentación dos resultados do proxecto Benchmarking Tecnolóxico en INEO, en que se analizou a situación, en termos de innovación tecnolóxica, das empresas TIC galegas, comparándoa coas tendencias en I+D+i a nivel internacional. Deste xeito, chegouse á conclusión de que, ben polo seu interese estratéxico para as TIC galegas, ou ben polas capacidades de partida destas, o cloud computing, a enxeñaría de software avanzado, as arquitecturas e interfaces de todos os niveis de abstracción, a internet relacionada cos obxectos, as tecnoloxías para a virtualización, a investigación e experimentación da internet do futuro, ou o sistema cognitivo que opera en contornos do mundo real, deberan ser as liñas de investigación prioritarias das TIC autonómicas.