Iberbanda leva a tecnoloxía WiMAX ao rural ourensán
mércores, 5 de xaneiro do 2011
A Deputación de Ourense, que dispón
dun total de 10.721.322 euros para levar Internet a 51 concellos da provincia,
vén de adxudicar o contrato de concesión de obra pública para a prestación de
acceso á Rede de banda ancha ós concellos incluídos no ámbito dos Proxectos Arraiano, Delorur e Terras
do Avia á empresa Iberbanda, SA, única empresa que presentou a
súa oferta técnica.
Esta entidade, que conta con
experiencia en tecnoloxía WiMAX, oferta un paquete de servizos definidos como Aceso Tipo coas
características ofertadas na proposta técnica, por un importe total de cota de
alta 110,20€ (IVE incluído) e cota mensual de 39,44€ (IVE incluído). O servizo
estará dispoñible para tódolos usuarios dentro da zona de cobertura proposta e
as tarifas estarán vinculadas a un acceso de 24 horas sen límite de descarga e
sen compromiso de permanencia. A cota de alta contempla tanto a instalación
como a alta, incluíndo tódolos conceptos para a posta en servizo do cliente. A tarifa
mensual incluirá os custes de mantemento e alugamento de equipo do usuario.
As zonas rurais desta provincia,
así como as pequenas empresas, son as máis atrasadas no emprego das tecnoloxías
da información. Coa implantación da banda ancha, segundo explican dende o
executivo local, daráselle cumprimento a un dos principais obxectivos dos
devanditos proxectos: “conseguir que a
maior parte da poboación rural dos 51 concellos teñan acceso a unha banda
ancha de calidade”.
A tecnoloxía proposta para a Rede é WiMAX-e
conforme ó estándar IEEE 802.16-2005 e soportada na banda de frecuencias de
3,5 GHz restrinxida a operadores con licenza. Un dos principais apartados
relacionados coa valoración técnica da empresa Iberbanda, SA, é o de ofertar un
servizo adicional de 4Mbps e, sobre todo, ofertar servizos de voz, de rede
privada virtual, de rede intelixente, servizos de apoio e servizos nomádicos.
Nestes intres a área xeográfica do proxecto Arraiano (Comarcas da Limia e Monterrei-Verín) ten completado en máis dun 78 por
cento o alcance previsto do despregue da rede, con case 34.000 habitantes
cubertos; e a área xeográfica do proxecto Terras do Avia (Comarcas do Ribeiro e
O Carballiño) ten completado o despregue da Rede, acadando máis dun 80 por
cento do alcance previsto con case 35.000 habitantes cubertos.
Por último, a área xeográfica do
proxecto Delorur (Comarcas de Valdeorras e Viana) ten completado o despreuge da
Rede, acadando o 100 por cen do alcance inicialmente previsto con máis de
30.000 habitantes cubertos.
