Iberbanda xa dá servizo a unhas 500 familias do sur de Lugo

martes, 5 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Mapa da cobertura da operadora no sur de Lugo, norte de Ourense e este de Pontevedra

O operador Iberbanda vén de emitir un novo informe sobre o traballo despregado no sur de Lugo en materia de tecnoloxía WiMAX, infraestruturas sen fíos para dotar de banda larga a zonas illadas sen cobertura ou con cobertura deficiente. Segundo se desprende do novo comunicado, a compañía rematou con “éxito notábel” a comercialización do dito recurso entre os veciños, arestora unhas cincocentas familia co servizo contratado, levando Internet a emprazamentos onde non se tiña chegado antes. O proceso, sinala Iberbanda, desenvolveuse cunha “gran aceptación”, en parte debido ás vantaxes da tecnoloxía elixida: WiMAX en banda licenciada, que “garante a calidade do servizo e fai imposíbel a existencia de interferencias con outros operadores”.
Asemade, engade a firma, a boa marcha destes labores apoiouse nas vantaxes que ofrece o centro de xestión de rede 7x24, “que ofrece tempos de resolución de posíbeis incidencias inferiores a catro horas, ademais duns pormenorizados controis de calidade”. Estas e outras cousas postas en xogo fan que a potencia dos equipos “fique sempre por debaixo dos limiares de emisión que marca a normativa vixente”, explica Iberbanda.
Cómpre lembrar que Iberbanda é adxudicataria das axudas públicas da Xunta para equipar con banda larga ao rural do sur de Lugo e a súa contorna, ao abeiro do incluíndo na Axenda Dixital 2014.gal. Neste intre, a compañía posibilita el acceso ao servizo de banda larga a 22 concellos na provincia de Lugo (Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Taboada, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Antas de Ulla, Bóveda, Friol, Guntín, Palas de Rei, Monterroso, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria) e a 4 concellos lindeiros da provincia de Ourense (A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Vilamarín e Parada de Sil).
Os accesos de banda larga que Iberbanda está a achegar nesta zona realízanse a través do seu selo Tngo. Tanto a web desta marca como o teléfono de balde 1630, as dúas principais canles de comunicación da compañía coa veciñanza da nosa terra, pódense empregar arestora na nosa lingua, de luns a domingo e de 8 a 24 horas.

PUBLICIDADE