Imaginarium optimiza o seu tablet para a nenez SuperPaquito

venres, 8 de marzo do 2013 Redacción

Imaginarium, a marca de xoguetes, vén de presentar as máis recentes novidades do seu tablet SuperPaquito, un minicomputador de 9,7 polgadas deseñado especificamente para os máis cativos da casa, co que poden xogar a ser maiores e, de paso, afondar paseniño no eido das novas tecnoloxías, onde non sempre se debe entrar sen coñecemento previo nin asesoramento familiar. Respecto ás novidades, dicir que vén cunha nova contorna multiusuario que permite crear diferentes perfís, infantís e para adultos, máis un teclado integrado, cable HDMI e unha ampla achega de aplicacións lúdicas e formativas (de balde).
Segundo informa Imaginarium, a incorporación do novo teclado integrado, “o seu lapis capacitivo” ou os auriculares, converten a SuperPaquito “nun auténtico WorkStation, un completo e atractivo contorno de traballo axeitado ás necesidades escolares e que axuda aos nenos unha mellor aprendizaxe a través da investigación e a experiencia”. Inclúe tamén acceso seguro á Rede (sistema de control de nais e pais actualizado que permite definir horarios de uso, configuracións e crear listaxes de webs e aplicacións permitidas), conexión con outras ferramentas escolares para compartir coñecementos e aplicacións de tipo lúdico, e unha completa axenda para levar ao día as tarefas do colexio. Natalia Chueca, directora de mercadotecnia de Imaginarium, declarou na presentación destas novidades: “Estamos moi satisfeitos coa boa acollida que está a ter SuperPaquito, o mundo no que vivimos require novas ferramentas para un lecer e unha aprendizaxe mellor e máis personalizados, que permitan aos nenos divertirse e desenvolver os seus coñecementos a través da investigación e a experiencia propia e SuperPaquito é a ferramenta perfecta para facilitar este desenvolvemento educativo e lúdico”.

PUBLICIDADE