Imatia crea un software a medida para a xestión da producción vitivinícola nas empresas das Rías Baixas
luns, 9 de xullo do 2007
Logo de ter traballado no desenvolvemento de solucións informáticas para sectores fundamentais da economía galega como o naval, o pesqueiro, o madeireiro ou o da automoción, a empresa Imatia Innovation, fundada no 2005 no seo dun grupo de investigación da Universidade de Vigo, está a finalizar xa o proxecto Adegas, un software para o sector vitivinícola que integra a xestión do proceso de producción da uva “dende a cepa ata a copa”. O devandito programa informático unifica as xestións estándar e verticais co que, á vez que facilitar as tarefas comúns a calquera sector, como a xestión de clientes, pedidos e proveedores, inclúe ferramentas feitas a medida para o control de viñedos, da vendima ou de enfermidades e tratamentos da uva.
A Consellería de Innovación e Industria colabora neste proxecto, a través do Programa de Innovación Empresarial, cunha achega total de 45.000 euros no marco do Plan Galego de I+D+i.
Os responsables deste proxecto sinalaron a necesidade de dotar a este sector dunha ferramenta de xestión personalizada e integral xa que as bodegas galegas viñan empregando software non específico, demasiado xenérico e pouco eficiente.
Adegas é un software multiplaforma que facilita a integración con outros sistemas ao estar baseado en tecnoloxías estándar como Java e XML. Na práctica, isto significa que funciona en calquera ordenador, ben sexa de sobremesa, protátil ou Tablet PC, o que o fai ademais, compatible con calquera sistema operativo.
