Imatia estrea nova oficina na Coruña

martes, 8 de agosto do 2017 Redacción

Imatia, empresa galega referente en desenvolvemento web e iniciativas de optimización dixital para empresas e administracións, vén de abrir oficina na Coruña. O novo centro de operacións de Imatia na cidade herculina está situado no Parque Empresarial de A Grela, onde a súa equipa coruñesa contará con máis espazo para poder facer fronte ao actual ritmo de crecemento da compañía. En palabras da empresa, as dependencias acabadas de estrear “supoñen un importante avance para Imatia, que a partir de agora contará cun espazo de 1.300 m2 nesta cidade”. Dese total, as oficinas actuais ocupan algo máis da metade, 750 m2, deixando o resto dispoñíbel para vindeiras ampliacións ou usos alternativos.
Segundo engade a compañía galega TIC, o traslado a unha oficina de maior tamaño véu motivado polo medre experimentado pola empresa nos últimos tempos, o cal levouna a aumentar de maneira considerábel o seu persoal, achegándose aos 100 empregados (situados fundamentalmente entre as oficinas de Vigo e A Coruña). “Era por tanto necesario buscar un espazo axeitado para dar acubillo aos nosos novos compañeiros, así como os que están por chegar”, engaden fontes da firma, explicando que a día de hoxe Imatia busca xente nos seguintes postos: desenvolvemento de software (junior e senior), xestión de proxectos de comercio electrónico ou especialistas no desenvolvemento de probas, entre outros.

PUBLICIDADE