Imatia participa como empresa dixitalizadora no programa Kit Dixital

luns, 14 de marzo do 2022 S. P.

Fernando Vázquez, director executivo (CEO) da empresa galega Imatia

A empresa tecnolóxica Imatia, con sede en Vigo, Santiago e A Coruña, vén de comunicar a súa participación no programa Kit Dixital do Goberno central, impulsado dende Red.es co obxectivo de facilitar con subvencións o camiño das persoas autónomas e as pemes cara a recursos avanzados de dixitalización. A firma galega, referente en materia de desenvolvemento de software específico para un amplo rango de sectores (administración pública, moda, retail ou comercio electrónico), ofrece dez solucións ao abeiro da dita campaña impulsada con fondos europeos Next Generation, dez maneiras de permitir ás pequenas e medianas empresas dispor de “ferramentas tecnolóxicas de elevada calidade”, en palabras de Imatia.
3.000 millóns
Kit Dixital é unha subvención outorgada polos Fondos Europeos de Recuperación Next Generation dotada con 3.000 millóns de euros a través de axudas non reembolsables (subvencións). Dispón de diversas categorías como Xestión de Procesos, Comercio Electrónico, Business Intelligence e Analytics e Presenza Online, entre outros. Cada proxecto será financiado -na súa integridade- ao 100% con fondos públicos.
A proposta de Imatia
A proposta de valor que achega IMATIA céntrase en diversas categorías como Xestión de Procesos, Xestión de Clientes, Ecommerce e Business Intelligence e Analytics. Para iso, as pemes poden solicitar esta axuda do Kit Dixital e dispor de ferramentas como SIMSS, para o sector téxtil ou desenvolvementos específicos para pemes que operen no sector loxístico así como a automatización de procesos.
Segundo Fernando Vázquez, director executivo (CEO) de Imatia, “o programa Kit Dixital permitirá a miles de empresas dar un chimpo cualitativo na dixitalización dos seus procesos”. No caso de Imatia, engade, a empresa ofrece un conxunto de solucións específicas que “serán un punto de inflexión para incrementar a facturación grazas a solucións flexibles e con capacidade de evolución que achegan un elevado valor engadido”.
En referencia ao Kit Dixital, Vázquez encomiou esta proposta da Unión Europea e cualificouna de “necesaria”, tendo en conta “o duro momento polo que pasaron miles de pequenas empresas -sobre todo do sector téxtil- por mor da pandemia”. E engadiu: “Estas subvencións serán sen dúbida unha táboa de salvación para pequenas empresas e poderán xogar en igualdade de condicións fronte a grandes corporacións ao dispor das ferramentas tecnolóxicas que Imatia achega”.
Condicións
Imatia tamén explicou as condicións para acceder ás devanditas subvencións. As solucións ofrecidas no Kit Dixital poderán financiarse durante 12 meses, dispondo de 6 meses para activar o bono e outros 12 meses para consumilo. Se a empresa solicitante ten entre 10 e 59 empregados a contía máxima é de 12.000 euros; en caso de ser microempresa (entre 3 e menos de 10 empregados), o tope establécese en 6.000; e -finalmente- para aquelas empresas con 1 ou 2 empregados poderán solicitar un máximo de 2.000.
Dispoñemos de máis información sobre as solucións de Imatia adheridas ao kit Dixital, así como importes das mesmas, nunha ligazón específica da empresa galega.