Improving Metrics e Itelsis, distinguidas polas cámaras coruñesas no Premio Peme do Ano

martes, 6 de xuño do 2023 S. P.

A empresa ABN Pipe, con sede na Coruña e dedicada á fabricación de sistemas de tubaxes e compostos de materiais termoplásticos para os sectores da edificación, a obra civil e a industria, recibiu este martes 6 de xuño o Premio Peme do Ano 2023 da Coruña, un galardón que conceden o Banco Santander e as Cámaras de Comercio da Coruña e Santiago de Compostela, en colaboración coa Cámara de España e o diario La Voz de Galicia.
O director de Administración e Finanzas da compañía, Manuel López, foi o encargado de recoller o galardón, nun acto que se celebrou na sede da Cámara e no que participaron Antonio Couceiro, presidente da Cámara da Coruña; María Pais, presidenta da Cámara de Santiago; Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía; Rocío Pazos, directora territorial do Banco de Santander en Galicia; José Ramón Riobóo, deputado provincial da Coruña; Manuel Galdo, director xeral da Cámara de Comercio da Coruña; e Alfonso Andrade, delegado na Coruña de La Voz de Galicia.
Ademais, concedéronse catro accésits nas categorías de Internacionalización; Innovación e Dixitalización; Formación e Emprego; e Empresa Sostible.
O Accésit de Internacionalización outorgouse a Siotic Spain (Improving Metrics), afincada na Coruña e adicada á analítica de datos e a estratexia dixital. Destaca polas súas solucións de alta calidade baseadas no deseño, análise, extracción e explotación de datos de activos dixitais, segundo informou o xurado.
O Accésit de Innovación e Dixitalización recaeu na empresa de Santiago de Compostela, Sistemas Audiovisuais Itelsis, en palabras do xurado “unha compañía tecnoloxicamente avanzada que dispón do 30% do persoal dedicado a labores de I+D, o que confirma o compromiso da compañía coa investigación como piar que sustenta o progreso tecnolóxico da empresa”.
O Accésit de Formación e o Emprego concedeuse a Gabadi, da Coruña. Gañadora da anterior edición do Premio, é unha empresa do sector auxiliar naval que conta con diversas liñas de negocio para os sectores civil e militar. Con presenza nacional e internacional, está altamente comprometida coa xeración de emprego de calidade.
E, por último, o Accésit de Empresa Sustentábel foi para Gestán (Contedores da Coruña), dedicada á xestión integral de residuos procedentes de calquera sector industrial. Dispoñen de centros autorizados de almacenamento, valorización e venda de produtos recuperados, ademais de loxística propia para o transporte de residuos.
Na entrega de distincións, o presidente da Cámara da Coruña, Antonio Couceiro, puxo en valor “a constatación da existencia dun armazón empresarial na nosa provincia, sólido e puxante, conformado por pemes fortes, innovadoras, competitivas e sustentábeis e en moitos casos con clara vocación cara aos mercados exteriores”. E engadiu: “Esta é sen dúbida a mellor garantía para o desenvolvemento sostido e respectuoso co medio natural da nosa sociedade. As nosas empresas son motor de xeración de riqueza e benestar e hai que poñer en valor o papel que desempeñan”.
O acto foi clausurado por Francisco Conde, que animou “ao tecido empresarial galego a seguir innovando para responder os retos da transición enerxética e dixital”. E engadiu: “Neste contexto de cambios a Administración ten que acompañar ás empresas e facilitar que as pemes e autónomos teñan as mesmas facilidades que as grandes compañías no acceso aos fondos europeos Next Generation, fundamentais na transformación económica e industrial de Galicia”.

PUBLICIDADE