Improving Metrics participa nun desafío Big Data coas empresas europeas máis punteiras do sector
luns, 9 de setembro do 2019
A
empresa coruñesa Improving
Metrics, centrada na analítica de datos e na Intelixencia
Artificial, vén de ser obxectivo dunha importante distinción ao seu
labor en materia de información a gran escala e ferramentas para
extraer os máximos rendemento e valor a esa información. Segundo
nos conta os responsábeis de Improving, trátase da única empresa
da nosa terra que participa na iniciativa European Data Incubator
(EDI), un proxecto que ofrece a unhas 100 empresas a oportunidade de
resolver desafíos de datos que presentan grandes empresas.
En
termos máis concretos, Improving Metrics foi seleccionada para
participar no EDI para resolver o desafío presentado por EMESESA, a
Empresa Metropolitana de Abastecemento e Saneamento de Augas de
Sevilla S.A., e establecer un sistema de xestión e análise da
evolución do consumo de auga na cidade de Sevilla e a súa área
metropolitana utilizando técnicas de Machine Learning, ou sexa, de
aprendizaxe das máquinas.
Das
case 500 startups que presentaron a súa candidatura, só
pasaron a primeira 40 firmas, das que 9 son españolas, 9 alemás, 8
italianas, 3 portuguesas e representación de Francia, Grecia, Reino
Unido, Holanda, Bélxica, Suíza, Serbia, Irlanda, Ucraína, Suecia e
Estonia.
European
Data Incubator (EDI) é un programa dirixido por 20 socios en toda
Europa que ofrece ás empresas máis innovadoras do ámbito da
información a gran escala (Big Data) a oportunidade de
abordar desafíos do mundo real establecidos por empresas europeas,
como por exemplo mellorar a seguridade viaria en Barcelona ou
predicir transaccións fraudulentas en supermercados.
Os
beneficios inclúen até 100.000 euros en fondos libres de capital,
titorías, obradoiros, acceso a unha contorna cloud de balde e
a oportunidade de establecer sinerxías e visualización con respecto
ás principais organizacións europeas.
Os
días 9 e 10 de outubro de 2019, Improving Metrics viaxará a Berlín
con outras 39 novas empresas para a primeira fase de Exploración,
onde participa nun dataton, ou
sexa, nun hackathon relacionado cos datos masivos. Alí, un
xurado decidirá que 16 startups pasarán ao seguinte nivel de
Experimento.