Impulsan dende a UVigo un microproxecto para garantir ás familias a docencia online segura

mércores, 27 de maio do 2020 S. P.

O grupo Cies da Universidade de Vigo, integrado por investigadoras e investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra e da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, vén de impulsar un proxecto para contribuír á transformación da Rede nun lugar seguro para as familias, agora que Internet, coa suspensión das clases, é o gran referente docente para profesorado e alumnado.
En termos concretos, o equipo interdisciplinar desenvolve e difunde, a través da iniciativa Sentidiño na Rede, contidos centrados en promover un uso seguro de internet por parte das e os menores, así como amosar tamén a pais e nais as oportunidades que achega a Rede.
Trátase dun dos microproxectos inseridos en Redes de innovación para la inclusión educativa y social, un proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Economía, que, no marco do Plan Nacional de Investigación 2016-2019, levou a cabo o grupo Cies (Colaboración, Innovación e Investigación para a Equidade Socio-educativa).
No marco deste proxecto, as profesoras Esther Martínez e Manuela Raposo coordinan unha iniciativa que integra, nunha “rede de innovación interprofesional”, a especialistas, profesionais e representantes de diferentes ámbitos. Todos eles traballaron conxuntamente na elaboración dunha serie de podcast que que poñen o foco en cuestións como os sinais de alerta que é preciso ter en conta, os sistemas de control dos dispositivos dixitais ou as normas de cortesía na Rede.
O obxectivo desta iniciativa, explican as súas coordinadoras, é desenvolver “un espazo de encontro destinado fundamentalmente ás familias, que fomente un uso responsábel dos dispositivos móbiles e unha participación positiva dos menores en Internet e nas redes sociais”.
Ademais de por Raposo, Martínez e a coordinadora do grupo Cies, a catedrática Ángeles Parrilla, o microproxecto foi desenvolvido por diferentes expertos e profesionais. Deste equipo formaron parte a educadora do Concello de Pontevedra e profesora da UNED Patricia González; o experto en seguridade e privacidade en novas tecnoloxías José Torres; a técnica da subdirección xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia da Xunta de Galicia Teresa Gutiérrez, o docente do CEIP Barcelos Justo Fernández; os representantes da Federación de Asociacións de Pais e Nais de Pontevedra (Fanpa) Rogelio Carballo e Francisco Freire, o profesor do Centro Rural Agrupado de Vilaboa Miguel Robiás, e a investigadora da Universidad Federal de São Carlos (Brasil) Fernanda Barboza Cid.

PUBLICIDADE