Impulsan dende a UVigo un videoxogo para combater o cambio climático mariño

xoves, 27 de xaneiro do 2022 Anxo Sesto

Ante a grande problemática do cambio climático e a suba de temperaturas que afecta ao medio mariño, un equipo multidisciplinar no que se atopan o Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo), o centro AtlantTIC e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Universidade de Vigo), porá en marcha o proxecto Misión Azul, baseado na elaboración dun videoxogo interactivo. O obxectivo deste será dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía ás xeracións máis novas e por extensión a toda a sociedade, así como promover e concienciar á poboación para que se preocupe por explorar neste ámbito de forma independente.
A iniciativa conta cun financiamento de 27.500 euros proporcionados pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), e tamén conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea. Segundo indica Daniel Rey, director do CIM-Uvigo, “proporcionaranse unha serie de ferramentas didácticas e innovadoras en educación científica e mariña para trasladar á sociedade temas relevantes sobre o cambio climático na ámbito mariño”
Videoxogo e contidos didácticos
No que respecta ao videoxogo, tratarase dunha historia na que nós somos os protagonistas, poderemos interactuar co ecosistema mariño e ir superando problemas reais que se dan actualmente nestes ambientes. Antonio Pena, investigador de AtlantTIC, explica que o videoxogo non terá unha feitura infantil, “mais unha creación que conteña contidos didácticos é unha boa maneira de que os máis pequenos aprendan e se divirtan ao mesmo tempo”, engade.
Alberto García será o encargado de asesorar a adaptación dos contidos científicos a contidos didácticos. Este conta cunha ampla traxectoria e experiencia na introdución de proxectos de investigación no sistema educativo. Os contidos serán adaptados, tanto para alumnado de 5º e 6º de primaria, como para sectores de educación ambiental ou de divulgación científica.
Diferentes disciplinas, mesmo obxectivo
O proxecto fará convivir a disciplinas diferentes, como son a das TIC e as ciencias mariñas, co obxectivo de xerar sinerxías de traballo que den lugar a un mellor resultado. Esta iniciativa encaixa no inicio do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sustentábel proclamado polas Nacións Unidas para 2021-2030, que pretende formar novos técnicos e oceanógrafos creando novas redes e infraestruturas de investigación.

PUBLICIDADE