Inaugurado o laboratorio avanzado de ciberseguridade da FP galega: CiberLabFP

xoves, 30 de abril do 2026 S. P.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou en Ourense as novas instalacións de CiberLabFP, o novo Laboratorio Avanzado de Ciberseguridade da FP situado no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros. Nun acto no que estivo acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Damián Rey, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, sinalou esta nova dotación como “unha infraestrutura estratéxica orientada á formación avanzada e á innovación aplicada nun eido fundamental no contexto tecnolóxico actual”.
E engadiu a propósito do cometido do centro: “Estamos a traballar para que tanto profesores como alumnos adquiran as competencias precisas para contar cunha cultura de seguridade dixital sólida que lles facilite previr incidentes e protexerse a si mesmos e á información que manexan”.
O conselleiro salientou, ademais, que este laboratorio “permite achegar a formación ás necesidades reais das empresas nun ámbito estratéxico cada vez máis demandado”.
Amais, incidiu en que a nova dotación vai redundar “en profesionais mellor cualificados, con máis oportunidades no mercado laboral, e que van poder trasladar este coñecemento ás empresas nas que traballen e, polo tanto, incrementar a ciberseguridade no tecido produtivo galego”.
Funcionalidades
Rodríguez e Rey sinalaron que “CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital”.
Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas antes da súa implantación. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar esta tecnoloxía a centros educativos de toda Galicia, así como realizar demostracións para empresas ou en feiras.
O laboratorio nace ao abeiro do convenio entre a Consellería de Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dentro do programa RETECH. A súa posta en marcha é froito do traballo dun grupo multidisciplinar de profesorado de FP e expertos procedentes de entidades como Telefónica, Siemens ou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.